Netflix incorporará 70 títulos internacionais en catalán, galego e eúscaro

Títulos xa presentes, como Emily in Paris, e outras próximas estreas, como The Mother, Garra, Sandman e Pinocho, de Guillermo del Toro, estarán entre os elixidos ► Engadiranse títulos novos cada ano
Netflix. AEP
photo_camera Netflix. AEP

Netflix incorporará ao longo de 2022 setenta series e películas internacionais ao seu catálogo que estarán subtituladas ou traducidas (no caso das infantís ou familiares) a catalán, galego e eúscaro, unha medida que sufragará a propia plataforma, informaron fontes da empresa a Efe.

Títulos xa presentes, como Emily in Paris, e outras próximas estreas, como The Mother, Garra, Sandman e Pinocho, de Guillermo del Toro, estarán entre os elixidos, un conxunto que se irá ampliando de forma constante no futuro, é dicir, engadiranse títulos novos cada ano.

Non se publicarán todos á vez, puntualizan as fontes, senón a medida que estean dispoñibles no servizo, de maneira que a selección deste ano poderase ver de forma completa a finais de 2022 de forma permanente (son producións para Netflix) e en 190 países.

As obras que se engadirán ao longo de 2022 representan un total dunhas 600 horas de películas e series internacionais subtituladas, e unhas 60 horas de contido para o público infantil e familiar dobradas nas tres linguas (un total dunhas 200 horas de subtítulos e unhas 20 horas de dobraxe en cada idioma).

Netflix non dá información sobre cales son os seus fondos, nin en número de títulos nin en horas, pero segundo o buscador Justwatch, na actualidade a plataforma en España ofrece 5.559 películas e series.

Tampouco din que porcentaxe destas está dispoñible en linguas cooficiais. Segundo Plataformes de streaming en catalá o pasado decembro había unhas 30 títulos neste idioma, mentres que se podían atopar no seu catálogo O sabor das margaridas en galego e Handia, Errementari e Black is Beltza en eúscaro. 

COTAS DA LEI AUDIOVISUAL. Un portavoz de Netflix asegurou que "seguimos esforzándonos por levar as mellores historias a todo o mundo. Este é un paso máis que estamos a dar para fomentar a presenza do catalán, o galego e o eúscaro no noso servizo". 

O anuncio prodúcese en plena tramitación parlamentaria da Lei Audiovisual, que estende ás plataformas a obrigación que xa tiñan as televisións tradicionais dunhas cotas mínimas de obra europea, incluídos unhas porcentaxes en lingua oficial e cooficiais do Estado, un requisito que non queda claro se afecta as compañías con sede fóra de España.

Segundo a lei que se atopa en tramitación, e que pactou o goberno con ERC, debe haber unha cota do 30% de produción europea no catálogo; desa porcentaxe, o 50% debe ser en lingua oficial ou cooficiais (15% do total) e desa subcuota, un 40% en linguas cooficiais (6% do total).

NETFLIX SUFRAGA. Trátase dun servizo que sufragará a propia plataforma, indicaron as fontes consultadas, a pesar de que a Asociación Española de Vídeo Baixo Demanda (Aevod), que lles representa xunto a outras plataformas como Filmin e Prime Vídeo, defenderon que o mellor xeito de garantir a oferta de contidos en linguas cooficiais é mediante a colaboración público-privada, é dicir, con axudas públicas.

Segundo ERC, o Executivo pactou con eles que financiará anualmente con ata 15 millóns de euros a produción en catalán.

Comentarios