domingo. 12.07.2020 |
El tiempo
domingo. 12.07.2020
El tiempo

A OMS recomenda agora o uso de máscaras de tea se non hai distancia social

Unha moza cunha máscara de tea. EFE
Unha moza cunha máscara de tea. EFE

A Organización Mundial da Saúde (OMS) recomendou este venres que en lugares con transmisión xeneralizada de coronavirus todas as persoas que non poidan manter con outras a distancia de dous metros, por exemplo no transporte público, tendas ou espazos pechados con moita xente, utilicen máscaras ou tapabocas de tea

Nunha actualización da guía de consellos sobre este elemento de protección, a organización considera que a medida que os países van levantando as medidas de confinamento e as restricións de movemento é necesario que as persoas as utilicen para protexerse en situacións nas que non se pode aplicar a distancia social recomendada. 

Ata agora, a OMS só recomendaba —segundo a súa guía do pasado 6 de abril— o uso de máscaras para quen atendía persoas potencialmente contaminadas, ou que tiñan tose ou esbirros; así como para o persoal sanitario. 

As máscaras recomendadas para o público en xeral son as de tea, que deben cumprir certas condicións para que realmente representen unha protección para o portador e para o resto da comunidade. 

Máscaras de tea

A experta do Departamento de Urxencias Sanitarias da OMS, April Beller, explicou a Efe que hai novas evidencias científicas (a partir de investigacións das universidades de Stanford e Colorado) sobre as máscaras de tea, os diversos materiais dos que poden estar feitas e o nivel de protección que confiren. 

Eses estudos revelaron cales son os materiais que poden actuar como "barreira" ás microgotas que expelen as persoas contaminadas cando tusen ou esbirran, e o xeito en que deben combinarse para cumprir este labor. "Se eu estou infectada ou tusindo, todo entra na máscara e non sae polo outro lado, así que é un xeito para protexer o resto de persoas", comentou Beller. 

A OMS recomenda máscaras médicas para as persoas de máis de 60 anos ou con enfermidades crónicas

A guía orientativa da OMS recalca que non todas as máscaras de tea teñen a mesma calidade de filtración, un dos factores determinantes para a súa efectividade. Os materiais a considerar na fabricación dunha máscara eficaz son polipropileno, o algodón e o poliéster, e a celulosa e a seda como últimas alternativas. 

"A distancia é a mellor prevención que existe. Se non é posible, ¿por que a tea? Porque as máscaras cirúrxicas deben ser gardadas para o persoal sanitario", dixo Beller. 

Unha excepción debe ser feita para as persoas de máis de 60 anos ou que padecen enfermidades crónicas, a quen agora a OMS tamén recomenda o uso de máscaras médicas

Materiais para as máscaras

Beller explicou que o ideal é combinar as teas e que a máscara teña tres capas, utilizando o material máis absorbente (por exemplo, o algodón) máis preto da boca, o que fará que, se se tose, as pingas de saliva queden alí. 

Por fóra debería ir o material que máis repele a auga, como o poliéster, mentres que como filtro —no medio— poderíase utilizar o polipropileno, que é o material que se utiliza nas máscaras cirúrxicas. 

En moitos países as máscaras máis utilizadas son as de algodón feitas de xeito artesanal, sexa porque as máscaras cirúrxicas escasean, porque están reservadas para o persoal médico ou porque resultan máis baratas. 

Utilizalas é mellor que nada, pero o problema que teñen é que "absorben moito a auga, así que cando se mollan hai que cambialas porque poden estar contaminadas", sinalou Beller. 

O ideal é que a máscara teña tres capas e combine diferentes teas

Regras para as máscaras de tea

As regras para a utilización as máscaras son tan importantes como o material do que estean feitas: hai que lavar ou desinfectar as mans antes de colocalas, e se se usan por pouco tempo —por exemplo, para un traxecto en autobús— poden ser gardadas nunha bolsa de plástico para volvelas a utilizar logo. 

O recomendable é lavalas todos os días, idealmente a 60 graos e, se isto non é posible, a man, con auga, desinfectándoas un minuto con cloro e enxuagándoas moi ben a continuación. 

Outro aspecto a ter en conta é que se están moi estiradas, non funcionan; que deben cubrir nariz, boca e mentón, e que deben estar ben pegadas ao rostro por todos os lados. 

Por outra banda, a nova guía da OMS sinala que todas as persoas que traballan en instalacións médicas atendendo a todo tipo de enfermos, e non só a pacientes con coronavirus, deberían utilizar máscaras médicas.

A OMS recomenda agora o uso de máscaras de tea se non hai distancia...
comentarios