Morris funda unha ONG en Vigo para cubrir "necesidades esenciais" de persoas en risco

O labor social da entidade articúlase mediante convenios con restaurantes, academias, barberías, ópticas ou centros de fisioterapia

Persentación de la ONG fundada por Morris. CADENA SER
photo_camera Presentación da ONG fundada por Morris. CADENA SER

Hoxe por ti, Rede de Servizos Solidarios é unha ONG creada na cidade de Vigo co fin de garantir aos veciños unha serie de servizos "importantes para a vida e que non están incluídos na carteira da Seguridade Social". Así o manifestou o presidente da organización, o actor Antonio Durán, Morris, nunha rolda de prensa de presentación celebrada este luns. 

O obxectivo do proxecto, explicou, é permitir que "persoas e familias que non poden facer fronte a algunhas necesidades esenciais teñan acceso gratuíto a servizos cun formato que lles permita a súa total integración e dignificación". 

"É unha fórmula nova en España coa que tratamos de eliminar o estigma que crea nestas persoas o acudir a locais considerados para pobres", engadiu Ventura Pérez Mariño, socio fundador da ONG. 

Así, o labor social da entidade articúlase mediante convenios solidarios con restaurantes, academias, barberías, ópticas ou centros de fisioterapia.

Para Morris "os efectos da crise son aínda palpables, e aínda que é unha cuestión que debe resolver a Administración pública", os cidadáns poden "facer moitas cousas para axudar aos prexudicados". 

Comentarios