Luisa Martínez Lorenzo: "O metano das vacas empeora o cambio climático"

Vaia por diante que a responsable de cultura científica do CSIC non propón deixar de comer carne, pero si un consumo responsable que reduza a pegada ecolóxica

Luisa Martínez Lorenzo, escritora e responsable de cultura científica do CSIC.
photo_camera Luisa Martínez Lorenzo, escritora e responsable de cultura científica do CSIC. EP

A polémica é a metade do éxito dun libro e Luisa Martínez e Marián Martínez escolleron un bo gancho para chamar a atención sobre Que teñen que ver as vacas co cambio climático? A súa intención é concienciar sobre a necesidade de reducir a pegada do consumo humano no planeta e para iso meten o dedo na chaga do rural galego.

Que teñen que ver as vacas co cambio climático?
As vacas teñen unha relación directa co cambio climático porque na dixestión exhalan metano, un gas de potente efecto invernadoiro. Levamos tempo oíndo que hai que consumir menos carne e non se explicaba ben o motivo. Este libro nace coa intención de ofrecer unha información que botabamos en falta. A vaca é o fío condutor para falar do efecto invernadoiro e do cambio climático, do que está pasando no mundo. O problema non é a vaca, senón cantas hai e canto metano producen.

Isto dito así soa moi forte. Non poden cargar as vacas con toda a responsabilidade.
Non quero dicir que debamos deixar de consumir carne, senón que hai que comela de forma moderada e de mellor calidade. A gandaría ecolóxica contamina menos e a carne ten que ser de proximidade, galega. Hai que evitar a pegada de carbono do transporte sempre que se poida. En Galicia temos unha carne excelente. O problema está sobre todo nos produtos procesados porque non sempre está clara a procedencia. A carne das albóndigas conxeladas que podemos atopar en calquera supermercado pode vir de Arxentina. A lexislación europea di que hai que especificar a orixe dos produtos. Temos que fixarnos.

O consumo responsable ás veces resulta máis caro. Hai que comprar menos e mellor

A eterna loita pola proximidade.
Produtos de proximidade e de tempada. Cando eu era pequena no inverno había mazás e peras, nada máis. Hoxe nas froiterías non hai diferenza entre verán e inverno. Sabes o impacto que supón traer froita todo o ano desde Brasil? Se no verán as laranxas veñen de Sudáfrica, pois non se toma zume de laranxa. Hai outras froitas de tempada para alimentarse. Deste xeito favorecemos o negocio local e ao tempo reducimos as emisións de carbono. Se as laranxas de Sudáfrica tiveran que pagar un imposto polo CO2 que necesitan para chegar ao mercado español non poderían competir en prezo coas de Murcia.

Visto así, parece que os consumidores temos a solución na man.
Cada un de nós podemos contribuír á solución. É a mensaxe que queremos transmitir neste libro. Ás veces a información que recibimos sobre o cambio climático é tan negativa que a xente perde a esperanza. Que vou poder facer eu contra un problema de índole mundial tan complicado?

Pero o produto ecolóxico e sostible soe ser máis caro.
Si. Ás veces é difícil facer un consumo responsable porque resulta moi caro. A opción é comprar menos e mellor.

Onde perdimos o norte?
Coa globalización perdimos o norte. A clave para o consumo responsable é a reflexión. Por exemplo, a industria da moda está entre as tres máis contaminantes. Unha veciña queixábase hai uns días da situación laboral da súa filla, de que estaba explotada, pero ao tempo presumía de comprar gangas nunha multinacional. Cando che venden tres pixamas por cinco euros é que algo vai mal. Quen cho vende non vai perder, así que a alguén están explotando como á túa filla nalgún punto da cadea. 

A natureza non para en seco. Cando nos deamos conta e queiramos frear non imos poder

Isto ten amaño?
Non vai mellorar de hoxe para mañá, pero podemos actuar para que non empeore. O problema é que somos de resposta en tempo curto e para isto non serve. Un coche que vai a 190 quilómetros por hora non para en seco e a natureza tampouco. Cando queiramos frear de golpe non imos poder facelo.

O seu libro está dirixido a rapaces, os donos do mundo no futuro.
Está pensado para que o lean e o entendan os rapaces de doce ou catorce anos, pero para que o merquen os pais. Este non é un tema que lle vaia interesar a un adolescente que entre nunha librería. Hai que poñérllelo cerca, enriba da mesa do salón, no baño... en calquera lugar polo que vaia pasar. As páxinas están repletas de ganchos para despertar a curiosidade do lector, para que os rapaces se fagan preguntas e reflexionen sobre os efectos do consumo sen control nun mundo onde os recursos son limitados.

Un xesto que vostede faga cada día para contribuír á causa.
Procuro utilizar o coche o menos posible. Pero o que fago sempre é poñer as gafas no supermercado. Hai que ler sempre as etiquetas dos produtos para saber de onde proceden e pensar ben o que se mete na cesta da compra. Sempre hai que priorizar o próximo. Carne, leite, patacas... se non hai de Galicia espero a que haxa.

PROXECTOS
► Luisa Martínez Lorenzo, responsable da unidade de cultura científica do CSIC en Galicia, xa tiña experiencia anterior no eido da literatura infantil coa obra Puf! Vaia peido. Agora prepara outra publicación para nenos pequenos que terá os pingüíns como eixo.

Auga
► Recentemente participou nunha residencia artística no Salvador, na que traballou sobre a auga.

Acuarela
► O resultado deste labor é unha serie de acuarelas que ilustran contidos científicos relacionados co manexo da auga. O obxectivo é explicar os procedementos necesarios para que a auga saia pola billa e que é o que acontece cando a desbotamos. As acuarelas formarán parte dunha exposición que se inaugurará en novembro no Salvador.

Comentarios