"Chámome Luz Cuesta Mogollón pero a subida da luz non é cousa miña"

Non é broma. Así se chama esta moza zaragozana que incluso tivo unha oferta dunha compañía enerxética para facer un anuncio
Luz Cuesta Mogollón muestra su DNI
photo_camera Luz Cuesta Mogollón muestra su DNI

Luz Cuesta Mogollón é unha moza zaragozana de 19 anos á que unha curiosa combinación de nome e apelidos lle deu unha repentina popularidade nuns momentos en que o incremento das tarifas eléctricas está de actualidade, unha subida, con todo, da que non se sente responsable.

"Chámome Luz Cuesta Mogollón, pero a subida do prezo da electricidade non é culpa miña", insiste en declaracións a Efe a moza, consciente da notoriedade non perseguida na que se viu inmersa, tanto en redes sociais como en medios de comunicación.

Bo humor e frescura son dúas das principais calidades dunha rapariga que en ningún momento buscou plantar cara ás corporacións enerxéticas, pero cuxo nome é unha advertencia clara aos sufridos consumidores, como prefire ela que se interprete.


Segundo a moza, os seus pais non foron conscientes nese momento do divertido efecto que tería a combinación do nome cos apelidos


Hai 19 anos, os pais da moza decidiron bautizala con ese nome en recordo do lugar onde se casaron, na ermida da Virxe da Luz, en Avilés, no Principado de Asturias, lugar de orixe da familia. Segundo a moza, os seus pais non foron conscientes nese momento do divertido efecto que tería a combinación do nome cos apelidos da parella, nin tampouco o pretenderon.

A "lámpada" acendeuse nove ou dez anos despois, cando a irmá de Luz decidiu chamar ao programa radiofónico Herrera en la Onda para informar da curiosa mestura de apelidos familiares, pero sen valorar que o verdadeiro detonante non estaba só neles.

O xornalista Carlos Herrera, que facía un programa aberto ás chamadas dos oíntes sobre nomes e apelidos curiosos, interesouse polo nome das irmás e estalou en risas cando escoitou o de Luz.

CHANZAS NO INSTITUTO. Cando chegou ao instituto, este efecto foi motivo de chanzas e de bromas desde un primeiro momento, asegura a moza, que enseguida asumiu con normalidade e bo humor a situación.

"O primeiro día de instituto –recorda– cando o director lía os nomes dos alumnos para dicirlles que clase lles correspondía, botouse a rir nada máis pronunciar o meu", risas ás que se uniron de forma inmediata as do resto dos profesores e dos alumnos.


Unha das anécdotas que permanece na súa mente é a dun mozo que se lle achegou á carreira e lle tocou á vez que dicía "acendida"


Unha das anécdotas que permanece na súa mente é a dun mozo que se lle achegou á carreira e lle tocu á vez que dicía "acendida", operación que repetiu ao momento coa expresión "apagada". Pero nada fai cambiar o bo humor dunha moza que estuda idiomas e a linguaxe de signos, á vez que traballa nunha pizzería da capital aragonesa na que é coñecida simplemente como Luz entre os seus compañeiros, agora conscientes da relativa popularidade da moza.

ÉXITO EN FACEBOOK. Ao perfil de Luz Cuesta Mogollón en Facebook chegan agora decenas de solicitudes de amizade, que ela filtra con coidado e prudencia xa que, como ela mesma advirte, "non vou facer amigos a xente que non coñezo". 

Pero a cousa non queda aí, xa que Luz tivo recentemente unha oferta dunha compañía enerxética competidora das grandes corporacións para facer un anuncio publicitario, aínda sen concretar.

Ao parecer, esta compañía quería servirse da combinación de nome e apelidos da moza para pór en evidencia ás grandes empresas enerxéticas, cuxa política tarifaria vai investigar agora a fiscalía. Ela é moi nova, pero é consciente, e así o percibe cando ouve aos seus pais en casa, de que a luz custa moito, "mogollón", engade entre risas.

Comentarios