Máis problemas para Pedro J. Ramírez en El Español

A marcha do xenro do exdirector de El Mundo súmase aos recentes despedimentos

Márchase voluntariamente ou forzado polo seu sogro? É a pregunta que se fan algúns medios tras ter coñecemento da marcha de Eduardo Suárez, xenro de Pedro J. Ramírez, que deixa El Español. De momento a súa esposa, María Ramírez, filla do veterano xornalista rioxano que dirixiu durante décadas El Mundo, continuará no diario dixital que impulsa o seu pai.

Suárez, que deixou El Mundo en 2014 para implicarse no lanzamento de El Español, publicou este luns unha carta de despedida na súa conta de Twitter na que repasa con agarimo a súa tarefa como subdirector encargado da área de reportaxes e explica que a partir de agora escribirá sobre política americana nun blogue de Univisión.

Esta noticia no medio de Pedro J. Ramírez prodúcese no medio de dúbidas sobre a viabilidade do proxecto, que ao parecer non conta co seguimento que se prevía nun principio a tenor do capital investido no seu lanzamento, e tras varios despedimentos.

Fernando Baeta, que levara os mandos de El Mundo.es e suposto rival de Eduardo Suárez no novo medio, faise agora co control absoluto da redacción de El Español, un medio que non deixou de causarlle problemas a Pedro J. Ramírez desde o seu recente lanzamento.

Comentarios