Macarena Olona chama "machista" a Xabier Fortes

Así foi o encontrón entre a deputada de Vox e o xornalista pontevedrés
Olona y Fortes. RTVE
photo_camera Olona y Fortes. RTVE

A deputada de Vox Macarena Olona tachou este xoves de "machista" ao xornalista Xabier Fortes. Foi durante unha entrevista á representante do partido de ultradereita en A Noite en 24 horas, que presenta o pontevedrés. 

Todo sucedeu cando Olona se encerellou nunha discusión coa tertuliana Elsa García de Blas e Fortes interveu para cominar á deputada a responder á pregunta que lle fixeron, en lugar de facer contrapreguntas á colaboradora. "Imos ver, vou intervir. Non vai haber cruces. Aquí as regras son as que hai: os xornalistas preguntan, os políticos se son parlamentarios lexislan, e responden cando veñen a unha entrevista", dixo Fortes.

"Está a ser realmente machista. Elsa non necesita ningún salvavidas", replicou Olona, que despois tamén acusou ao xornalista pontevedrés e a toda TVE de "branquear a Eta". Fortes tamén contraatacou: "A entrevista con Arnaldo Otegi é co secretario xeral dunha formación legal. Haberá xente á que non lle guste que se entreviste ao PP, ao PSOE, a Vox ou ao portavoz de Bildu, pero é un partido legal", indicou.

Ademais de por este encontrón co xornalista pontevedrés, Macarena Olona converteuse este venres nun dos temas do día nas redes sociais pola a actuación privada que lle fixeron Los Chunguitos precisamente nos camerinos de RTVE.