Lugo quere festa

O furor das orquestras saltou á radio e triunfan as emisoras que permiten bailar un pasodobre a calquera hora do día.
Verbena na praza Maior de Lugo. SEBAS SENANDE
photo_camera Verbena na praza Maior de Lugo. SEBAS SENANDE

A verbena está de moda. O campo da festa que hai anos quedou baleiro volve encherse o día do patrón coma nas mellores épocas e hai que acondicionarlle ben os accesos para que o camión que trae o palco, cada vez máis sofisticado, consiga manobrar e non se encerelle na lama.

As orquestras teñen seareiros coma os equipos de fútbol, unha parroquia que as venera e as acompaña choiva ou neve, ata a fin do mundo. O seu caché móvese tamén por divisións, coma o dos astros do balón, e non depende só da calidade musical da formación, senón da grandiosidade do espectáculo que sexa quen de ofrecer, dos vatios que derroche en luz e son e da xente que consiga xuntar no torreiro. 

O tirón das orquestras en Galicia é evidente. A media de idade dos asistentes a unha verbena baixou considerablemente na última década e os profesionais do sector ven neste fenómeno un nicho de negocio.

Lugo non é alleo a esta moda, ao contrario, é terreo fertil para que prenda coma as silvas. O concepto tradicional de festa conservouse nesta provincia mellor ca noutras con carácter máis urbano e nunca faltou un bar para servir uns viños no torreiro o día do patrón.

Non é estraño que, neste contexto, os negocios relacionados coa verbena triunfen en Lugo. É o caso das emisoras de radio, un fenómeno relativamente recente que está arrasando nos diais da provincia.

Verbena FM, Orquesta FM... os nomes non deixan lugar a dúbidas. Son radios centradas na música de orquestra, un produto fácil de consumir, moi demandado e difícil de conseguir porque a maioría das formacións non teñen discos a disposición do público. 

Bastión 

"Lugo es un bastión", afirma Suso Seoca, director de Verbena FM. "As audiencias son unha barbaridade", asegura David Expósito, responsable de Orquesta FM en Galicia.

As dúas emisoras son relativamente novas, teñen menos de dous anos de antigüidade, e xa contan por milleiros os oíntes.

O director de Orquesta FM explica que "en Lugo e Ourense temos 52.000", unha cifra espectacular para unha emisora con un ano de funcionamento. David Expósito cre que a clave do éxito é ofrecer un produto que á xente lle gusta e que non é doado atopar, aderezado para un consumo cómodo na casa, no coche, no traballo. "Orquesta FM ofrece música sen interrupcións as 24 horas, día e noite, Non hai chamadas, ninguén interrompe as cancións. Só hai un bloque de catro minutos de publicidade cada hora e os outros 56 son de música", explica.

David Expósito di que a música de orquestra é difícil de atopar. Non hai discos nin está en internet

Pero non calquera música, senón a das orquestras. "Non hai discos no mercado, non se pode atopar en internet. Algunhas son gravacións feitas pola emisora, outras son cedidas polas propias orquestras", explica David Expósito. Aclara, ademais, que non se cinguen ás grandes formacións, senón que no seu repertorio están "orquestras grandes e pequenas, incluso dúos e formacións antigas xa desaparecidas, como Trovadores, Compostela... ou algunha orquestra formada por galegos emigrados en Suíza". Unha especie de museo aberto ao público, de balde e con servizo a domicilio as 24 horas. 

Todo está estudado e cada peza encaixa no seu lugar. "Traballamos nestes momentos cunhas 3.000 cancións, suficiente para que a programación non sexa repetitiva, pero non se soltan de calquera xeito. Pola mañá emitimos música moi axeitada para o baile, como cumbia, pasodobre, o propio dunha sesión vermú. E pola tarde facemos o que sería o segundo pase da orquestra, versións máis movidas, reguetón...» para que cadaquén goce da parte que máis lle gusta da festa.

Orquesta FM ten cancións ata de grupos de galegos emigrados en Suíza

Orquesta FM emite radio tradicional e tamén a través de internet. Esta última vía é a que máis información achega sobre os oíntes e a que mellor axuda a adaptar a programación ás preferencias do público. "A través de internet vemos todo. Sabemos qué reprodutor se usa, as horas de conexión, desde onde nos escoitan, canto tempo levan conectados..." indica David Expósito.

Dúas opcións

Os responsables de Orquesta FM consideran que a súa fórmula agrada porque non ten interrupcións. "A xente non me quere oír a min, quere escoitar a orquestra", sostén Expósito. 

Non é da mesma opinión Suso Seoca, o director de Verbena FM, quen sostén que o público agradece intervir nos programas e poder facer peticións e dedicatorias. Esta é a diferenza da súa programación, que durante o día se estrutura en espazos que permiten a participación dos oíntes. Pola noite, a festa non para e a música continúa, pero xa cos teléfonos e os micrófonos pechados.

Suso Seoca explica que a idea de Verbena FM naceu na pandemia, "para apoyar a las orquestas que se quedaron sin actividad, para darles difusión" e para atender a demanda do seu público, que non só quedou sen festas, senón pechado na casa. Nese tempo botouse en falta un servizo a domicilio deste tipo de música. Conta que "llegamos a un acuerdo con el 95% de las orquestas de Galicia para dar apoyo al proyecto" e di que sen a súa colaboración non sería posible.

Verbena FM xurdiu na pandemia para dar difusión ás orquestras

Verbena FM emitiu inicialmente a través de internet e esa segue sendo a súa base, pero despois diversificouse cara a radio tradicional e conta nestes momentos con once frecuencias de emisión que cubren toda Galicia e O Bierzo. "Procuramos ir ampliando la cobertura para llegar al mayor número de gente posible e incidimos mucho en las zonas rurales porque en ellas detectamos mucha demanda de este tipo de música", explica Suso Seoca.

A provincia de Lugo e O Bierzo é o que Suso Seoca define como "bastión" en termos de audiencia. Este foi un dos motivos polos que a cadea decidiu organizar en Lugo un "festival pionero, el próximo día 20 de enero en el Pazo de Feiras". O seu promotor explica que están a punto de esgotarse as 2.000 entradas previstas e non descarta ampliar o aforo para atender a elevada demanda. 

Verbena FM fará un festival en Lugo o día 20 e xa superou a previsión de entradas

No evento actuará, entre outros, a orquestra París de Noia, que presentará o novo espectáculo deste ano. Pero tamén estarán algúns dos condutores dos programas radiofónicos de Verbena FM, como Marcos Magán e Laura Añón, voces coñecidas que xa teñen o seu público fiel.

Por suposto, o festival poderá seguirse en directo a través de Verbena FM e en Verbena TV, a canle de televisión en streaming da marca. "El objetivo de Verbena es ofrecer diversión, positivismo, un espacio donde la gente sepa que va a encontrar este tipo de música siempre que quiera, las 24 horas todos los días", concluye Seoca.

E en pleno inverno, con moitos meses por diante antes de que chegue o momento de pisar un campo da festa en condicións, toda axuda é pouca para non perder o ritmo nin a habilidade co baile. O éxito de Verbena FM e Orquesta FM é un bo exemplo de que a festa, igual que a procesión, vai por dentro. 

Os estudos de audiencia destas emisoras son reveladores, pero ademais, está comprobado que escoitar a introdución dun pasodobre regula a tensión, dispara as endorfinas da felicidade e dispón o corpo para afrontar un maratón ou mesmo a costa de xaneiro. A música está recoñecida como unha medicina infalible. Non precisa receta porque é de consumo libre e ilimitado e, ademáis, con servizo a domicilio á carta.

Outras músicas
Radio As Nogais
► É unha emisora pioneira en Lugo en canto a oferta de música bailable. Os seus ritmos latinos cólanse en todos os diais da provincia. É imposible cambiar de frecuencia cando se viaxa no coche sen pasar por Radio As Nogais. A súa programación é inconfundible porque predomina a música latina e os grandes éxitos das pistas de baile.

► A clave para a súa grande implantación é a ubicación da antena emisora, nun monte de 1.400 metros de altitude que lle proporciona un radio de 200 quilómetros sen interferencias.

► As ondas de Radio As Nogais avanzan sen atrancos e fan bailar non só á provincia de Lugo, senón tamén aos veciños asturianos, aos do Bierzo, en Ourense chegan incluso a Manzaneda e mesmo se pode sintonizar nalgúns puntos de Portugal.

Os Ancares
► No concello veciño de Becerreá saiulle un competidor, Radio Ancares, que tamén dedica unha parte importante da súa programación á música. Neste caso, a cobertura non é tan ampla, pero si suficiente para sobrepasar a súa área de referencia. 

Ámbito local
► Na provincia de Lugo agroman as radios locais, case unha por concello. A música é para todas elas un recurso indispensable para estruturar a programación de xeito ameno e complementar os espazos de información local.

Comentarios