A Lúa 'celebra' cunha eclipse parcial visible o aniversario do Apolo 11

Comezou pouco despois das dez da noite deste martes e prolongouse case tres horas

Vista del eclipse de Luna en Puebla de Sanabria. SXENICK (EFE)
photo_camera Vista da eclipse de Lúa deste martes en Puebla de Sanabria. SXENICK (EFE)

Unha eclipse parcial lunar visible en Europa —Galicia incluída— África e partes de Asia, Australia e América do Sur marcou este martes desde o ceo a celebración do cincuenta aniversario do inicio da primeira viaxe do home á Lúa

A eclipse parcial de lúa comezou en España ás 22.02 horas (hora peninsular), momento exacto no que a sombra da Terra comezou a ensombrecer o disco lunar, segundo os datos do Observatorio Astronómico Nacional do Instituto Xeográfico Nacional. A partir dese momento, a eclipse prolongouse durante case tres horas, ata a 1.00 da madrugada.

A diferenza das eclipses de sol, a contemplación das eclipses de lúa non entraña ningún risco ou perigo para a saúde, nin é necesaria instrumentación espacial, como apunta o Instituto Xeográfico Nacional, que recomendou buscar un sitio escuro e adaptar a vista á escuridade para poder apreciar mellor este fenómeno.

A eclipse lunar prodúcese cando a Terra se interpón entre o sol e a Lúa, ensombrecendo o noso satélite de forma pasaxeira. Neste caso, a Terra non chegará a tapar do sol a totalidade do hemisferio lunar visible desde o noso planeta. 

 

Perseidas e planetas no ceo estival de Galicia
Esta eclipse será "o principal fenómeno astronómico" visible desde Galicia nestas datas. Pero non o único. Outro fenómeno destacable do verán, as Perseidas, coincidirán coa festividade de San Lourenzo —10 de agosto—, a pesar de que as condicións para velas "non serán moi favorables", segundo o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela (USC), José Ángel Docobo. 

O Observatorio da USC constata, ademais, que os planetas Xúpiter e Saturno serán visibles todas as noites no ceo nocturno. Venus, con todo, poderase apreciar ao amencer ata mediados de agosto para, despois, pasar a verse pasado o atardecer. Mentres, Mercurio realizará aparicións alternas entre os amenceres de xullo e agosto e os anoiteceres de setembro. 

Para rematar, Marte, o planeta máis próximo á Terra, poderá verse a primeiras horas da noite en xuño e xullo. Despois, en agosto e setembro, aparecerá á primeira hora da mañá. 

Comentarios