Os humoristas que deixaron 'El Jueves' preparan un monográfico sobre a coroación

Os humoristas que deixaron a revista El Jueves tras a retirada a principios de mes dunha portada sobre o Rei preparan un monográfico sobre a proclamación de Felipe VI, que publicarán por internet o mércores, baixo o nome de orgulloysatisfacción.

Xunto ao historietista Manel Fontdevila, un dos promotores da iniciativa, participan os debuxantes Albert Monteys, Guillermo, Bernardo Vergara e Manuel Bartual, e contan coa colaboración dun total de dezaoito firmas, todas elas relacionadas coa anterior etapa de El Jueves, como Mel ou Paco Alcázar.

Fontdevila comentou que tomaron esta decisión en moi poucos días, "cun verán moi longo por diante e cun tema que cremos que non podiamos mirar desde a barreira". Ao seu xuízo, este número único que se poderá descargar por 1,5 euros en formato PDF, cunhas 75 páxinas de viñetas, quedou "moi completo, cun gran recibimento a Felipe VI, o que, á fin e ao cabo, é o noso oficio".

Comentarios