Os creadores de South Park, ameazados por vestir a Mahoma de oso

Un grupo extremista islámico estadounidense emitiu este mércores unha "advertencia" aos creadores da serie South Park por incluír ao profeta Mahoma nun dos seus últimos episodios. "Temos que advertir a Matt [Stone] e Trey [Parker] de que están a facer algo estúpido e que probablemente terminarán como Theo Van Gogh", indicaba a mensaxe no portal RevolutionMuslim.com.

"Isto non é unha ameaza", asegura o comunicado, "senón unha advertencia do que probablemente lles pode pasar". Reforzando a velada ameaza aparece xunto ao texto unha fotografía de Theo Van Gogh, o cineasta, produtor de televisión, columnista de prensa e actor holandés que foi asasinado o ano 2004 por un mozo islamita por realizar un curto sobre a violencia contra as mulleres no mundo musulmán.

O profeta do Islam apareceu no capítulo número douscentos do programa, o cal foi emitido o pasado 14 de abril en Estados Unidos, aínda que para evitar problemas e tendo en conta que mostrar a imaxe de Mahoma é unha ofensa na relixión musulmá, os guionistas disfrazárono de oso.

A noticia da ameaza a Stone e a Parker foi recollida inicialmente pola cadea CNN, que cualificou a web con sede en Nova York como “radical islámica” e asegurou que en 2009 foi obxecto dunha investigación xornalística pola “súa retórica en apoio da ‘yihad' contra Occidente e por eloxiar a Osama bin Laden”.

O portal, non conforme coa advertencia, achegou un sermón que pide castigo para os que blasfeman contra a relixión musulmá e un texto que dá a entender que coñecen o lugar de residencia dos creadores da polémica serie de animación.

Comentarios