O ADN resolveu 245 agresións sexuais e 233 homicidios en 2010

As análises de ADN realizadas pola Comisaría Xeral de Policía Científica da Policía Nacional, que este mes de xuño cumpre 100 anos, axudaron a resolver en 2010 máis de 3.000 feitos delituosos, entre eles 245 agresións sexuais, 233 homicidios e 26 delictos relacionados con terrorismo.

Con motivo do centenario desta unidade da Policía, que comezou os seus traballos o 25 de xuño de 1911, o vicepresidente primeiro do Goberno e ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, visitou este martes as instalacións da Comisaría Xeral de Policía Científica e mantivo unha reunión de traballo cos responsables desta especialidade policial.

Rubalcaba puido coñecer de primeira man algunhas das seccións de investigación científico-policial e interesouse polo traballo dos laboratorios de Acústica forense, Pericias informáticas e as mostras indubitadas de ADN.

No último ano, o ADN identificou a 2.691 autores de delictos, un 647% máis que hai seis anos. Grazas a esta técnica, en 2010 esclarecéronse un 26% máis de agresións sexuais que o ano anterior e un 66% máis de homicidios.

Os especialistas de ADN reciben unhas 2.400 mostras de ADN ao mes -como sangue, saliva, seme ou cabelos-, e o laboratorio central é capaz de extraer 70 perfís xenéticos á hora.

Ademais, recolleron 28.161 mostras de autores de delictos para cotexalas coas mostras achadas noutros escenarios, de forma que poidan conducir á resolución de diferentes feitos delituosos cometidos por un mesmo autor.

Ademais do estudo do ADN, a Policía Científica tamén analiza as impresións dixitais, un dos alicerces do seu traballo de investigación desde o seu nacemento. Só o pasado ano esclarecéronse 11.321 feitos delituosos grazas ás pegadas atopadas no lugar dos feitos e identificouse a 9.417 persoas como autoras deses delictos. Isto supón un 67% máis que en 2004, ano no que se identificou a 5.621 criminais.

Tras a visita, Rubalcaba recoñeceu sentirse impresionado polo traballo desenvolvido pola Policía Científica e, en especial, polo laboratorio de Acústica Forense, rama da criminalística que permite a identificación da voz e que en 2010 realizou 296 e identificou a 39 persoas.

Nos últimos seis anos a Dirección Xeral da Policía e da Garda Civil incrementou nun 50% o número de especialistas de Policía Científica que alcanza os 2.007 efectivos.

Comentarios