As traballadoras galegas cobran 4.700 euros menos ao ano cós homes

As traballadoras galegas deberían percibir ao redor de 4.670 euros máis cada ano para que existise unha equiparación salarial efectiva cos homes. Así se desprende do informe Retribución laboral por xéneros, elaborado polos técnicos de Facenda (Gestha) a partir das últimas estatísticas de retribucións e pensións correspondentes a 2009. O estudo mostra que os homes cobran na comunidade unha media de 20.271 euros ao ano, mentres que no caso das mulleres a cantidade non supera os 15.594 euros, o que representa unha diferenza do 23,1% entre ambos os sexos.

Con todo, a brecha salarial en Galicia é inferior á media do conxunto de España, onde as mulleres gañan 5.300 euros menos e a porcentaxe de variación sitúase no 25% -dos 21.433 euros que ingresan os homes aos 16.110 euros das mulleres-. As máis afectadas son as madrileñas, xa que nesta autonomía a diferenza salarial alcanza os 7.965 euros anuais. No outro lado da balanza, o da menor discriminación salarial, atópanse as traballadoras canarias, ao cobrar ao redor de 3.000 euros menos que os homes.

Á marxe deste escenario, o informe de Gestha recolle un dato para o optimismo: a redución da brecha salarial entre ambos os xéneros en 399 euros en Galicia -no conxunto do Estado a cifra é superior e sitúase nos 653 euros se se comparan as retribucións de 2008 e 2009-. No entanto, esta tendencia non está impulsada unicamente por un aumento dos soldos entre as mulleres, senón que tamén influíu a contracción no salario medio anual dos homes debido á crise. Por iso, o estudo conclúe que se necesitará case unha década para equiparar os soldos entre sexos en España.

Por provincias

Unha análise polas catro provincias galegas revela que en Pontevedra se dá a maior discrepancia salarial -dun 24,7%-, xa que os homes percibiron 19.599 euros en 2009, fronte aos 14.758 euros de salario medio feminino, o que sitúa a brecha salarial en 4.841 euros. A pouca distancia sitúase A Coruña, onde as traballadoras cobraban 16.448 e os homes máis de 21.710 euros, unha diferenza que rolda os 24,2 puntos.

En terceiro posto, a diferenza salarial en Ourense rozou o 17,8%, cunha variación nos soldos de entre 18.504 e 15.219 euros. Lugo foi a provincia coa menor discriminación en este apartado, xa que a diferenza salarial foi de 17,7 puntos, ao cobrar 18.730 euros os homes e non máis de 15.420 euros as mulleres -a brecha salarial é de 3.310-.

Comentarios