As mulleres empregan 4,7 horas ao día en tarefas domésticas e os homes 2,1

As tarefas do fogar seguen sen mostrar paridade, mentres as mulleres empregan unha media diaria de 4,7 horas nestes labores os homes 2,1 horas. O Instituto Galego de Estatística (IGE) realiza unha estimación do valor económico das actividades desenvoltas no ámbito dos fogares no que recolle que o valor engadido bruto (VAB) xerado pola produción doméstica galega representaría o 50,6% do PIB de Galicia.

Este Instituto clasifica a produción doméstica en cinco funcións: aloxamento, comida, roupa, coidados/educación e traballo voluntario. Ademais sinalan que ''non todas as actividades que levan a cabo dentro do fogar son consideradas actividades produtivas''.

Tal como recolle Europa Press no seu portal web, o valor engadido bruto que alcanzaría a produción doméstica non contabilizada no PIB, para 2010 sería de 28.649 millóns de euros. A estatística reflexa que en 2010 os galegos dedicaron de media 3,5 horas ao día na realización de servizos domésticos e persoais non remunerados e destinados ao autoconsumo. Así, a valoración económica destes servizos permite obter, segundo o IGE, a estimación do valor engadido bruto xerado por estes servizos, que supón ''28.649 millóns de euros''.

Estas actividades manteñen unha diferenza por sexo, que se se comparan co ano 2003 reflicten un ''tímido aumento do tempo'' que os homes dedican ás tarefas domésticas (1,8 en 2003) e unha mínima diminución do correspondente ás mulleres (4,8 en 2003).

En 2010 os homes empregaron 128 minutos ao día en tarefas domésticas, repartidas do seguinte xeito: 40,2 en proporcionar aloxamento, 38,2 en prover comida, 30,2 en proporcionar coidados e educación, 10 a traballo voluntario e 9,5 a proveer roupa.

Pola súa banda, as mulleres dedicaron 280 minutos ao día nestas tarefas: 107,9 en proporcionar comida, 74,9 en prover aloxamento, 47,6 en proporcionar coidados e educación, 36,6 en proporcionar roupa e 13 en traballo voluntario.

A estatística demostra que as mulleres son responsables do 70,2 por cento do valor engadido bruto xerado pola produción doméstica fronte ao 29,8 por cento que representan os homes.

Os datos do IGE mostran, con todo, unha caída de 1,6 puntos porcentuais no peso da produción doméstica sobre o PIB durante o período de 2003-2010, o que supón un 52,5 por cento do PIB dese exercicio.

Comentarios