O 'Land Rober' regresa este xoves co "punto canalla" de Iago Aspas

O show conducido por Roberto Vilar terá ao Combo Dominicano no estudio esta noite
Roberto Vilar. TWITTER
photo_camera Roberto Vilar. TWITTER

Logo das súas merecidas vacacións de verán, Land Rober Tunai Show arrinca este xoves na TVG nova tempada con moito swing. O capitán do Celta de Vigo, Iago Aspas, será o invitado protagonista nunha noite en que os espectadores o poderán ver en acción. Ademais estará a orquestra que encheu canto campo de festa hai durante todo o verán: Combo Dominicano.

O Príncipe das Bateas enfrontarase ao reto de pintar "a mona" no programa conducido por Roberto Vilar. Era un "reto moi importante", asegura Vilar en Galicia por diante, programa da Radio Galega. "Tiñamos moitas ganas de que viñera. Eu creo que é un tío que é unha estrela mundial, incluso na provincia da Coruña. É un rapaz que ten moitísimo mérito, que leva currando moito e é un tipo que ten graza e un punto canalla", explica.

Como de costume, haberá variedade de tolemias e caras máis que coñecidas. E, por se isto era pouco, o Land Rober contará este xoves coa participación do imitador Raúl Pérez. O que sairá desta reunión é un misterio.

Pero, sen dúbida, un dos momentos máis esperados desta primeira entrega será a volta de Eva Iglesias tras a súa maternidade. O equipo quere darlle unha benvida ben emotiva que deixará a máis dun coa boca aberta. "Teremos unha espectadora máis, a pequena Julia, témoslle que facer un agasallo", explica Roberto Vilar, que asegurou que o agasallo que lle van facer é "emocionante" e "moi caro".

Un dos momentos máis esperados desta primeira entrega será a volta de Eva Iglesias tras a súa maternidade

Ademais, en casa Dosinda hai novidades e novos clientes de chegados dos arrabaldes. Canarios, dominicanos... non se sabe moi ben.

Ao show desta noite unirase o actor e humorista David Perdomo e o espazo da TVG tamén contará con nova cabeceira. "A nova versión tocaráa o grupo que tocou na voda de Iago Aspas", explica Vilar. A banda viguesa Broken Peach será a encargada de porlle música e voz aos primeiros minutos do Land Rober Tunai Show.

A sexta edición do espazo da TVG, que leva 168 programas, ten unhas listas de espera para asistir de público que "desbordan", recoñece Vilar, que adiantou no Galicia por diante unha proposta. "E se un día fixésemos o programa en directo ante 15.000 espectadores?", pregúntase o presentador.

Comentarios