A rede das infidelidades

A rutina no matrimonio, un mal que afecta moitas parellas, é un dos principais motivos que os psicólogos argumentan para explicar o auxe de webs como Ashley Madison –que ten 10 millóns de membros no mundo– ou Victoria Milan, dúas das comunidades de persoas que buscan ser infieis máis importantes do mundo.

En Galicia, son 24.000 os descontentos coa súa vida marital que están inscritos nestes dous portais para atopar unha aventura. Deles, 20.846 pertencen á polémica Ashley Madison, creada por Noel Biderman un 14 de febreiro de hai case 10 anos. Unhas semanas atrás levantou unha ondada de críticas logo de colocar un anuncio na Gran Vía no que se preguntaba que tiñan en común Carlos de Inglaterra, Bill Clinton e o rei de España. “Deberían ter utilizado Ashley Madison”, respondían.

A compañía tivo que retirar o cartel de inmediato. Aínda así, a súa pegada está a ser evidente. “Desde o noso lanzamento en España, en maio, conseguimos revolucionar o mundo das parellas superando os 300.000 rexistros. En todo o mundo somos a rede social co maior crecemento mundial logo de Facebook”, explica Andrea Stampa, da axencia encargada da web en España. Entre as máximas destes portais está a salvagarda da identidade dos seus usuarios. “Nós ofrecemos un ambiente completamente anónimo e confidencial para que te divirtas un pouco, coquetees, coñezas a alguén e xurda unha aventura lonxe ou preto da casa”, se anuncia Victoria Milan. Nelas tamén se poden atopar testemuñas de clientes satisfeitos.

Os galegos, máis laxos

Ante as abundantes críticas que apelan á inmoralidade destas empresas, elas argumentan que os cornos non foron “invento” seu. De feito, as enquisas realizadas ao respecto sitúan os galegos á cabeza de España en cuestións de infidelidade. Así, un 54% confesan que foron infieis algunha vez, fronte ao 40% estatal. Ademais, un 31% di que sería capaz de perdoar o engano. En calquera caso, tres cuartas partes dos españois cren que é moi fácil ter unha aventura fóra da parella.

“Os tipos de parella son moitos e ningún ten que ser mellor que outro a priori”
A psicóloga experta en sexoloxía Rebeca Lajos considera o tema das webs para facilitar a infidelidade como “algo polémico” e explica: “Desde o mundo da empresa e a publicidade dirannos que simplemente responden a unha necesidade que xa existe, que ninguén obriga a entrar neste portal e que simplemente facilitan unha canle de comunicación. Desde as posturas máis fieis ao matrimonio de toda a vida, este tipo de iniciativas empresariais vense como algo amoral, ata indigno, e pode que tamén como unha ameaza. ¿Onde situarnos?”.

Para Rebeca Lajos, “nin o bo é “tan santo” nin o malo “tan diaño”. “Os modelos de parella son múltiples e ningún ten por que ser mellor que outro a priori. É unha cuestión de consenso e de similitude de criterio dentro da parella”, argumenta. En calquera caso, asegura que os límites da fidelidade “son bastante elásticos, dependendo máis do criterio da parella que dun construto social”. Iso si, a experta di que o que a maioría da xente segue considerando ”reprobable, máis alá de onde estea ese límite, é o engano”.

Comentarios