A polémica portada de El Jueves sobre o caso Nóos

A revista satírica recrea a súa polémica portada secuestrada en 2007, esta vez dedicada a Urdangarin e a infanta Cristina

A revista El Jueves incendiou as redes sociais coa súa última portada, dedicada á sentenza do caso Nóos, concretamente á condena a Iñaki Urdangarin e a absolución de Cristina de Borbón: "A infata irá ao cárcere", pódese ler na cabeceira da publicación, cun globo no centro da páxina que aclara "pero só aos vis a vis". Acompaña ao texto unha ilustración do exduque de Palma e a infanta mantendo relacións sexuais.


A publicación satírica recrea deste xeito a súa portada máis polémica, que chegou a ser secuestrada en xullo de 2007, na que saían os, por entón, príncipes de Asturias, mantendo relacións. Aquela publicación foi considerada "irreverente" polo xuíz da Audiencia Nacional Juan del Olmo, que ordenou a súa retirada dos quioscos.

A crítica á Coroa é un tema recorrente para o semanario. Hai tres anos, a dirección da revista decidiu non publicar unha portada sobre a abdicación do rei Juan Carlos, na que se vía ao monarca entregando unha coroa chea de excrementos ao seu sucesor. Algúns viñetistas e debuxantes decidiron marcharse tras a decisión editorial.

Comentarios