A OMS aplaude a nova postura do Vaticano sobre o preservativo

A directora xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS), Margaret Chan, aplaudiu este luns en Berlín a recente xustificación parcial que o papa Bieito XVI fixo do uso do preservativo e cualificouna de bo "comezo". "Eu aplaudo esta posición. Trátase da primeira vez que o Vaticano apoia o uso de preservativos. É unha boa noticia para todos nós, un bo comezo", afirmou Chan na rolda de prensa de presentación do informe anual da súa organización.

No entanto, a directora xeral da OMS recoñeceu que tan só coñecía as declaracións de pontífice pola información que apareceu en distintos medios de comunicación e que non puidera estudar aínda con detemento o texto orixinal. Chan, máxima responsable de Nacións Unidas para asuntos de saúde e sanidade, sumouse así á cadea de reaccións positivas que se produciron nos últimos días na comunidade internacional tras o avance previo á publicación do libro no que o pontífice aproba o uso de preservativos nalgúns "casos".

En España algunhas personalidades mostraron tamén a súa postura respecto do manifestado por Bieito XVI. O ministro de Presidencia, Ramón Jáuregui considerou esta postura ''insuficiente'' e "moi propio dunha Igrexa que sempre vai un chisco por detrás dos acontecementos". O deputado de EU, Gaspar Llamazares, cre que Ratzinger deu un paso "mínimo" e "insuficiente" dentro da posición "irracional" da Igrexa, cuxo dogma sobre esta cuestión provocou "miles de vítimas".

Desde sectores máis conservadores o presidente do Foro Español da Familia, Benigno Blanco, recoñeceu que o preservativo reduce o risco de contaxio das enfermidades de transmisión sexual, "como é obvio", aínda que opina que "a abstinencia" é o "único xeito" de loitar contra elas. Pola súa banda, o presidente da Conferencia Episcopal, o cardeal Antonio María Rouco Varela, evitou pronunciarse respecto diso.

Bieito XVI afirma no libro entrevista Luz do mundo, que será publicado o martes, que o uso do preservativo pode ser "xustificado" para combater a extensión da sida ou nos casos de prostitución, pero considera que o óptimo é "humanizar" a sexualidade e non "trivializala".

Un día antes de que saia o libro á venda coñeceuse outra parte do seu contido na que Bieito XVI asegura que deixaría de ser Papa en caso de enfermar se algunha doenza lle impedira realizar os deberes do seu traballo.

Comentarios