A Academia desiste de contactar con Dylan polo Nobel tras varios intentos

A institución leva catro días chamando sen éxito o cantante estadounidiense, quen tampouco fixo ningunha declaración pública respecto diso
Bob Dylan
photo_camera Bob Dylan

A Academia Sueca renunciou a comunicarlle directamente ao estadounidiense Bob Dylan que foi distinguido co Nobel de Literatura deste ano, logo de catro días intentando porse en contacto con el sen éxito.

Así o confesou este luns á emisora pública Radio de Suecia Sara Danius, a secretaria permanente desta institución que elixe cada ano o gañador do Nobel nesa categoría.

Os representantes da Academia Sueca falaron co axente do músico e con outras persoas da súa contorna, pero non puideron falar con Dylan, que tampouco fixo ningunha declaración pública nin fixo comentarios respecto diso nos concertos que deu nos últimos días.

Danius asegurou non estar preocupada a pesar de que aínda non se sabe se o músico aceptará o premio ou acudirá a Estocolmo a recollelo o próximo 10 de decembro.

"Teño un presentimento de que Bob Dylan pode vir. Podo equivocarme, e claro que sería unha pena que non viñese, pero en calquera caso a distinción é súa e non podemos responsabilizarnos do que pase agora. Se non quere vir, non virá, será unha gran festa igual", afirmou Danius.

Só dúas persoas rexeitaron o Nobel de Literatura en máis dun século de historia: o escritor ruso Boris Pasternak, en 1958, forzado polas autoridades soviéticas, aínda que o aceptou máis tarde; e o francés Jean Paul Sartre, en 1964, pola súa política de rexeitar calquera tipo de distinción.

A Academia Sueca premiou a Dylan por crear "novas expresións poéticas dentro da gran tradición da canción estadounidiense", segundo o fallo difundido o pasado xoves.

A sorpresiva elección supuxo a primeira vez que se distingue co Nobel de Literatura un cantautor.

Comentarios