Jenaro Castro: "Ninguén espera de min unha estrea cunha entrevista a Iglesias"

O xornalista de Pol estrea este venres na 2 un programa de entrevistas, 'Plano general'
Jenaro Castro y Pablo Iglesias, en el plató del podcast de 'La base'
photo_camera Jenaro Castro e Pablo Iglesias, no plató do podcast de 'La base'. RTVE

Jenaro Castro estrea este venres o programa de entrevistas Plano general en La 2 de TVE. O primeiro invitado será o exvicepresidente do Goberno e antigo líder de Podemos Pablo Iglesias. "Que entrevista non esperaría o persoal de Jenaro Castro na estrea dun programa?", pregúntase retoricamente o xornalista nacido en Pol en 1961.

"Teño unha relación excelente con Pablo Iglesias, outra cousa é que teñamos distintas filosofías da vida, por dicilo dalgún xeito", remarca. O expolítico participará nun espazo de media hora que se emitirá ás 21.25 horas do venres. Plano general está estruturado en cinco seccións, "para darlle ritmo".

"Comezará co apartado A descrición para explicar quen é o personaxe, que non sempre serán tan coñecidos", indica Jenaro Castro. O primeiro programa terá como gancho o lanzamento do libro que protagoniza Pablo Iglesias, Verdades a la cara. Recuerdos de los años salvajes, que recolle conversas con Aitor Rivero e sairá o vindeiro martes, día 12. 

O autor da obra trazará a biografía do antigo dirixente de Podemos, que hai tempo que non se somete a un cuestionario alleo. "Expliqueille o proxecto a Pablo Iglesias e díxome que non sabía se o tería que pensar porque quita libro o día 12. É a primeira entrevista que concede en moito tempo".

"Pablo Iglesias dixo que era máis feliz fóra do poder", avanza Castro

Sala de prensa atenderá a actualidade informativa, "sen ser escravos". "No caso de Iglesias falamos de Ucraína, Putin, Sánchez, Dina Bousselham, Mariló Montero ou Garzón", adianta.

Na seguinte sección, Nun recuncho da alma, no que se busca un enfoque máis persoal, o primeiro invitado confésase "sobre a familia e o seu estado de ánimo". E agrega: "Dixo que era máis feliz fóra do poder". 

Primeiro plano é un apartado de preguntas breves. Pablo Iglesias contesta se prefire ser denominado "bolivariano, populista ou comunista" ou sobre se é máis "do barrio de Salamanca, de Vallecas ou de Galapagar", que son tres distritos madrileños.

A media hora de Plano general péchase co apartado O muro, na que o entrevistado asina unha frase que defina o seu pensamento e que se destina a un muro virtual do espazo.

O invitado elixe a música que vai soar e o lugar no que se desenvolverá a gravación. "Pablo Iglesias escolleu o estudo onde fai o seu podcast, La base", apunta o xornalista lucense, que xa avanza que o filósofo Fernando Savater optou polo hipódromo da Zarzuela, "pola súa afección aos cabalos".

Antes que o pensador vasco, a artista Chanel contestará as preguntas de Jenaro Castro na segunda entrega. "É coñecida por Eurovisión, pero ten un carreirón en musicais da Gran Vía de Madrid". Como anécdota, o xornalista de Pol comentou que a artista "ten familia en Galicia e usa moito a palabra depende".

O equipo está formado por profesionais "con moita experiencia e traxectoria" que xa traballaron con Jenaro Castro

Logo de Savater, pasarán por Plano general o ex xefe do Estado Maior da Defensa Fernando Alejandre —que acaba de publicar Rey servido y patria honrada—, a escritora Carmen Posadas "e outras persoas relevantes". O único gremio que non sentará ante as cámaras desta proposta será o dos políticos en activo.

O espazo redifundirase os domingos ás 06.30 horas na 1, Canle 24 Horas e TVE Internacional, e pódese volver ver na plataforma RTVE Play.

Plano general é un produto dos Servizos Informativos de RTVE, "integramente de produción propia". O equipo está formado por profesionais "con moita experiencia e traxectoria" que xa traballaron con Jenaro Castro.

O lucense define o programa como "sinxelo, que son os que funcionan, e sincero". Engade que é "modesto, porque está feito cos medios de TVE, cun equipo reducido e experimentado".

O obxectivo principal de Plano general é entrevistar personaxes relevantes de diferentes ámbitos. Poida que a actualidade entre na escaleta, "aínda que non é un condicionante indispensable".

Comentarios