Irmandades da Fala, unha ruptura xeracional

"As Irmandades da Fala representaron a chegada á vida pública de capas sociais masocríticas e urbanas, que non tiveran a oportunidade de facerse oír na sociedade galega"

A APARICIÓN das Irmandades da Fala no ano 1916 acostuma a verse como o punto de partida do moderno nacionalismo galego, aínda que a sua definición como tal non se producira ata a decisiva Asamblea realizada na cidade de Lugo en novembro de 1918. Pero é claro que as Irmandades representan máis do que o principio dun movemento político. Elas en por sí constituíron unha verdadeira ruptura política e cultural, nomeadamente no que significa producir una nova visión da cultura e da política concebida desde Galicia.

Os anos de creación das Irmandades foron de grandes mudanzas dentro e fóra de Galicia. O propio movimento pasou dun rexionalismo que era unha «verba morta» en palabras de A.Villar Ponte, ao nacionalismo como expresión dunha «verba viva», como se decía na linguaxe darwinista daquela época. Na España tivera lugar no verán de 1917 unha triple crise —militar, social e parlamentaria— que abriu profundas fendas no sistema político español ata o punto de que o propio Ortega y Gasset puido decir, nun célebre artigo en El Sol, que España era como un «arco en ruina». Despois daquel terramoto, só ficaba en pé a institución monárquica, como un arco espido que, anos despois, o mesmo Ortega abogaría pola sua destrución, coa súa célebre apelación a que «delenda est Monarchia». E na Europa do momento as mudanzas aínda foran máis profundas: unha guerra que levou por diante tres grandes imperios e que abriu as portas para novas nacións e, sobre todo, para novos actores da vida pública, representadas na «rebelión das masas».

As Irmandades da Fala representan ao seu modo todo isto. A versión galega non tanto da crise interior do 98, que en España tivo o seu grande epicentro en Cataluña, senón a dimensión europea do tránsito do que Stefan Zweig chamaría ‘O mundo de onte’, aquel mundo tranquilo e ordeado, no que as elites aínda podian viaxar sen pasaporte e no que millóns de emigrantes deixaban o fogar europeo cada ano. Un mundo novo se abriu no contexto da guerra mundial e nos países que, como España, foron formalmente neutrais, pero tamén afectados polas consecuencias da guerra. As Irmandades da Fala son fillas de todas estas mudanzas. Pero tamén representaron a chegada á vida pública de capas sociais, mesocráticas e urbanas, que non tiveran a oportunidade de facerse oír na sociedade galega. As Irmandades son fillas da industrialización do mar, da emigración americana e da melloría dunha agricultura de pequenas labranzas que gozaba da proteción do mercado interior. As Irmandades foron críticas co proteccionismo arancelario de Cambó, pero mal podían saber ata que punto lle debían a sua existencia á aquela defensa das fronteiras económicas.

O xornalista catalán Agustí Calvet, Gaziel, ten falado en varias ocasións da ruptura que para Cataluña supuxo a Generació de 1901, a que pilotou a transición desde o confort da vida burguesa do sistema canovista cara unha situación marcada pola conflictividade social e unha maior conciencia política. Foi unha xeración que quixo facer unha revolución, entre conservadora e radical, que modernizase a política española e, ao propio tempo, construíse unha nova Cataluña, a que D’Ors alcumou de «noucentista». Lográrono a medias, pero esa é outra historia. Para o caso galego podería falarse, e así se viron algúns dos persoeiros das Irmandades, como membros dunha xeración de 1916, a que realmente puxo os primeiros piares da modernidade política e cultural da Galicia anterior á guerra civil.

O inicio das Irmandades está estreitamente vinculado aos irmáns Villar Ponte e a un grupo de xente nova que, en realidade, xa sobordara o papel da futura xeración Nós antes de que esta mesma se constituíra como tal. Os membros de Nós, como Risco, Otero, Cuevillas ou Castelao, foron decisivos para a orientación ideolóxica e cultural das Irmandades, pero non foron os seus creadores. Dun modo elegante e conciso, así o recoñece Otero Pedrayo no seu romance de formación, ‘Arredor de si’, cando alude a que a preocupación polas cousas de Galicia que se podía sentir no Madrid dos tempos da guerra mundial estaba prácticamente reducida a «catro vagos d’A Coruña» que andaban organizando a recuperación e defensa da lingua galega e, con ela, a transformación dunha cultura rural e popular nunha alta cultura que puidese confrontarse cos correntes culturais europeas da época.

Certamente, a lingua está no cerne das Irmandades, pois elas mesmas se definen como «Amigos da Fala». Pero xa desde o principio se quixo xuntar cultura con política e coa construcción dunha nova imaxe de Galicia, alonxada do «andazo rexionalista» e dos estereotipos que, ao seu modo reflectía Otero coa sua referencia aos galegos que andabana polo Retiro madrileño na compaña de Adrián Solovio e que non pasaban dunha imaxe folklorizante da sua Terra. Os «irmandiños» quixeron romper con este cliché desde o primeiro número do seu voceiro, A Nosa Terra, ao se propoñeren o «fomento agarimoso da nosa lingua» pero tamén «o estudo dos problemas económicos de Galicia que non terán nunca solución no actual réxime político español». Cultura e política anoadas estreitamente desde o principio.
Esta foi a folla de ruta das Irmandades e da institución que as sucedeu, o Partido Galeguista. O problema foi fixar o equilibrio entre estas duas tensións: facer política mesmo en termos electorais, ou forxar unha conciencia cultural que asegure a permanencia histórica dun pobo. Case todos os persoeiros das Irmandades se debateron entre estas duas alternativas e moitas das crises que viviu aquel movimento, incluída a ruptura producida na Asamblea celebrada en Monforte en 1922, teñen que ver con esta tensión, como puxo de manifesto unha polémica de notable altura, pero pouco interiorizada no imaxinario da cultura nacionalista, como a mantida entre Vicente Risco e o vilalbés Lois Peña Novo. Facer cultura ou facer política, esta parecía ser a cuestión. Pero a historia das Irmandades mostra que unha non é inseparable da outra e que a sua fundación foi a mellor expresión da ruptura histórica que esta xeración de 1916, máis politizada que a coñecida como Nós, introduciu na Galicia dos anos 1916 a 1936.

Comentarios