A vacina de Pfizer necesitará unha terceira dose entre 9 e 12 meses despois

O cofundador de BioNTech confía en que o seu fármaco sexa efectivo contra a variante india
Ugur Sahin. EFE/BIONTECH
photo_camera Ugur Sahin. EFE/BIONTECH

A inmunización contra o coronavirus coa vacina de Pfizer requirirá a administración dunha terceira dose de recordo, que se debería aplicar uns nove meses despois da segunda picada ou, como moi tarde, tras un ano para garantir que se manteña a máxima protección. O cofundador da farmacéutica alemá BioNTech, Ugur Sahin, o laboratorio socio de Pfizer, puxo así data ao que xa se apuntaba desde hai unhas semanas, e é que será necesaria outra dose.

Nun encontro virtual con representantes de medios estranxeiros en Alemaña, Sahin explicou tamén que "probablemente" fará falta unha nova picada despois "cada ano ou cada 18 meses", como coa gripe estacional.

O cofundador de BioNTech recordou que a máxima efectividade do seu fármaco —dun 97%— non se alcanza ata sete días despois de recibir a segunda dose. E explicou, ademais, que aos seis meses de lograrse esa máxima inmunidade, a través da segunda dose, esta empeza a descender lixeiramente, ao 91%.

BioNTech cre que será necesario administrar unha nova dose cada ano ou cada 18 meses

Máis aló dos prazos, mostrou a súa confianza en que a súa vacina sexa "efectiva" tamén contra a variante india. "O noso método baséase nas experiencias adquiridas contra o cancro. Experimentamos con moitas variantes e, ata agora, en todas logramos bos resultados", indicou Sahin nun encontro virtual con representantes de medios estranxeiros en Alemaña.

"Confío en que obteremos tamén bos resultados fronte á variante india", apuntou, respecto desta mutación, máis agresiva que as anteriormente detectadas. Ata agora, insistiu, a súa vacina mostrara a súa efectividade "en practicamente todas" as mutacións coñecidas.

Sahin mostrouse cauteloso no que respecta á suavización de restricións para os vacinados. Ao seu xuízo, está claro que esta vai producirse, xa que "todos esperamos recuperar a normalidade", pero debe evitarse caer en "discriminacións" entre cidadáns inmunizados e os que non o están. "Hai que ser moi precavido e non caer na chamada cultura da envexa'", aconsellou.

Comentarios