¿A que hora é a semifinal de Tanxugueiras no Festival de Benidorm?

Tanxugueiras actuará en directo este mércores tras recuperarse Aida e Olaia do covid
Tanxugueiras. EP
photo_camera Tanxugueiras. EP

Tanxugueiras informa de que actuará este mércores na primeira das dúas semifinais do Benidorm Fest tras recuperarse dúas das súas compoñentes, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, do covid. A gala celébrase desde as 22.40 horas no Palau L'illa e será retransmitida por La 1 de TVE. As pandereiteiras galegas serán as penúltimas en actuar.

Nun comunicado, a formación indica que Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro poderán estar neste festival no que se escollerá ao participante de España en Eurovisión 2022. Alí, presentarán o seu directo de Terra, que acumula máis de catro millóns de reproducións en plataformas dixitais. 

"Estamos moi agradecidas por todo o agarimo das e dos eurofans e do público. Acompáñanos un equipo fantástico e esperamos devolverlle á xente co noso directo toda a enerxía que nos está transmitindo", apuntan. 

Laura Iturralde, Marta Verde, Fran Sieira, Iago Pico, Silvia Iria Miramontes, Jorge de Álvarez e Miguel Bling completan o equipo que acompaña ás pandeireteiras neste espectáculo que "conxuga o tradicional co contemporáneo en todos os seus elementos". 

O espectáculo conta coa dirección da escenógrafa Laura Iturralde (Ósmose, con Mercedes Peón) e a coordinación xeral de PlayPlan Cultural, que tamén asume a dirección de produción. 

A profesora de danza Silvia Iria Miramontes coordinará os movementos de Tanxugueiras e o coreógrafo e bailarín Fran Sieira é o responsable de deseñar o baile no escenario. 

O músico e produtor Iago Pico (responsable de Pouland Studios e coautor, con Tanxugueiras, de Terra) encargarase da percusión electrónica. 

O vestiario é obra do deseñador ourensán Jorge de Álvarez (finalista nos Premios Nacionais de Moda en 2021), mentres que a maquillaxe será unha proposta de Miguel Bling (director do You Glow Salon e equipo habitual nos programas GenPlayz e Doces e Salgadas). 

Para rematar, o espectáculo complétase con audiovisuais da artista visual e creativa galega Marta Verde (profesora no Berklee Collage of Music de Valencia). 

Comentarios