"Hai que instruír a avogados e xuíces nos delitos de odio como se forma na violencia machista"

O letrado e columnista Xoán Antón Pérez-Lema presenta este xoves o seu sétimo libro, 'Quando grupos vulneráveis são feridos', que recolle as bases do que debe ser ou non delito de odio
Xoán Antón Pérez-Lema. EP
photo_camera Xoán Antón Pérez-Lema. EP

Que é un delito de odio?

É o desprezo cara un colectivo históricamente discriminado. Se non lle damos esta protección especial do dereito penal, acaba despersonalizado, con estas persoas sinaladas ata ser practicamente expulsadas da sociedade. Pero estes colectivos non poden ser o policial nin xente dunha determinada ideoloxía política.

O rapeiro Valtonyc foi procesado por delitos de odio contra a Garda Civil.

Non hai delito de odio neste caso porque non se pode considerar un grupo vulnerable a Garda Civil, nin a Policía Autonómica de Galicia nin a Local de Lugo. Tampouco apreciou o Supremo odio no caso de Alsasua. Dixo que a Garda Civil como corpo policial non era obxectivo dun delito de odio por unha circunstancia racial, de xénero, de orientación sexual ou relixión, que son os motivos que normalmente denotan discriminación.

Nestes tempos de Twitter e redes sociais estamos a ver denuncias por delitos de odio fundamentalmente por insultos ou escarnios cara certas ideoloxías. ¿Poden ser delitos de odio?

Tampouco. Se insulto aos comunistas, non estou cometendo un delito de odio, porque de novo é unha ideoloxía que engloba a persoas que non teñen por que estar discriminadas. En cambio, se despersonalizamos aos xudeus ou aos palestinos si. O que debemos é equilibrar na balanza xurídica a xente que ten menos voz. Se queremos unha sociedade inclusiva e cohesionada debemos defender os colectivos máis prexudicados. Escoitamos moi a miúdo como nos chaman a defender a convivencia, pero a convivencia pasa por iso.

Quizais se estea a dar un exceso de denuncias por supostos delitos de odio que non son tal...

Todo o mundo ten dereito a denunciar. Pero o que deberían facer logo os tribunais é aplicar a lei. Cos delitos de odio pasa como coa violencia de xénero: hai que formar a maxistrados, xuíces e letrados. E o meu libro é un bo guieiro (ri), xa que recolle o traballo feito polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, onde están os alicerces do delito de odio.

¿E que hai dos chíos que pretenden mofarse de Irene Villa e outras vítimas do terrorismo?

Neste caso si poden ser considerados delitos de odio. O colectivo de vítimas do terrorismo está bastante protexido polos poderes públicos pero si está nunha posición de minorización, ademais de que non podemos esquecer que moitas veces sofren secuelas, tanto físicas como psíquicas. En canto unha persoa se converte en vítima xa forma parte dun colectivo minorizado e despersonalizar ás vítimas de terrorismo ou de calquera violencia, como a machista, é un delito de odio.

¿Onde ficaría o límite entre liberdade de expresión e delito de odio?

Mentres non se negue a dignidade e igualdade dos colectivos discriminados non hai odio. O delito vén por condutas que son abusos á liberade de expresión. Iso si, deben ser moi concretadas. Tamén convén destacar que o delito de odio se basea nas lexislación europea dos dereitos humanos, que considera que a liberdade de expresión non admite a estigmatización de colectivos. En Estados Unidos non hai delitos de odio, porque se ve a liberdade de expresión desde un punto de vista individual [de feito non é delito mesmo queimar a bandeira]. Pero en Europa vese desde un punto de vista comunitario.

E o que estamos a ver estes días, con centos de bulos e noticias falsas sobre os migrantes en Ceuta, como violacións, agresións que son mentira... ¿poderían ser delito de odio?

Por suposto. Calquera noticia falsa dicindo que estas persoas, moitas deas menores, son delincuentes, son delito de odio.

O seu libro analiza a tipoloxía dos delitos de odio en varios sistemas penais como o portugués o o español. ¿Cal o trata de forma correcta?

No portugués a norma é similar a española pero concreta máis porque é dous anos máis nova.

Comentarios