Guía para sobrevivir ao Nadal

Estas son datas de comidas e ceas con familia, amigos... nas que se come moito. Moito, moito

Comida saludable. EP

EN TEORÍA, coa chegada do frío o noso corpo debería utilizar as graxas almacenadas como fonte de enerxía, que é para o que serve a graxa cando fai moito frío, pero se comemos moitos doces e moito azucre, estaremos a bloquear esta perda de graxa.

SÓ 15 DÍAS. Non deberías preocuparte en exceso polo que fagas do 24 de decembro ata o 6 de xaneiro, xa que no peor dos casos son só 15 días. Se segues facendo deporte neses 15 días e seguiches unha dieta saudable durante 11 meses e medio, agora nin vas acabar con sobrepeso nin vas perder a forma física. Así que goza destas datas xunto á túa familia e amigos. Iso si, ten en conta que este período será de só medio mes, porque hai persoas que empezan a comer o turrón en novembro e non paran ata finais de xaneiro, isto último é o que crea problemas e non esas cinco comidas oficiais

Se es un deportista de forza podes tratar de facer desta época unha fase de volume e intentar gañar algo de músculo aproveitando o exceso de calorías. Isto seranos dunha enorme axuda máis adiante, xa que canto máis músculo gañemos máis fácil nos será perder despois a graxa. Así que non deixes de adestrar, fai o que sexa: sal correr, andar, fai calistenia, vai ao ximnasio, fai crossfit ou pesas, adestra na casa… pero móvete, camiña, baila, fai bicicleta, fai tabata… aínda que só sexan dúas sesións de 25 minutos dúas veces ao día. O importante é que baleires o glucógeno que tes acumulado por todos eses excesos de comidas e ceas, para que todo o que comas non se converta directamente en graxa.

Tamén pode ser de gran axuda algún xaxún intermitente: o día anterior a unha gran comida, se vas facer excesos e soportas ben un xaxún de 8 ou 16 horas, este sempre vén ben.

¿E AS COMIDAS? A primeira estratexia é que toda enchente ou cea do Nadal deberá ir precedida por un prato saudable; é dicir, que antes da cea de Noiteboa ou da comida de Nadal deberías comer un primeiro prato de ensalada, un caldo, unha sopa de verduras, un consomé, unha crema de verduras, etc. Algo saciante, que teña fibra natural e pouca densidade nutricional, cun alto contido en auga, lixeiro e con moita verdura, para que cando cheguen os pratos fortes non esteamos vendidos ao noso voraz apetito… Tamén se pode incluír unha fonte de proteína con verduras (como serían unhas gambas con espinacas, un revolto de ovos ecolóxicos, lagostinos e allos tenros, unha tortilla de champiñóns, etc), xa que a proteína mesturada só con verduras (nunca con pan nin con graxa) é moi saciante.

¡AI, O ALCOL...! Se bebes alcol, estas festas non é o mellor momento para deixalo (nós, loxicamente, aconsellámosche que canto menos alcol mellor). Esta é unha época para gozar, pero ten en conta un truco: non sacies nunca a sede con alcol, bebe as túas bebidas con alcol para saborealas, para gozalas, non para apagar a sede… E por cada vaso de viño, de champaña ou de cervexa toma dous vasos de auga; por cada medio vaso de licor toma polo menos tres vasos de auga. Este truco protexerate un 50% da resaca.

Comentarios