Viernes. 19.04.2019 |
El tiempo
Viernes. 19.04.2019
El tiempo

Galicia rexistrou 71 casos de acoso escolar en 2017, dez na provincia de Lugo

O acoso escolar prodúcese cada vez a idades máis temperás. RTVE
O acoso escolar prodúcese cada vez a idades máis temperás. RTVE

Por idades, o maior número de afectados correspondeuse a mozos de entre 15 e 17 anos, cun total de 36 casos â?? O sindicato Anpe Galicia alerta dun maior número de situacións deste tipo a idades cada vez máis temperás

LUGO/SANTIAGO. Galicia, a pesar de ser «unha comunidade tranquila respecto ao resto de España», segundo o presidente de Anpe Galicia, Julio Díaz Escolante, rexistrou un total de 71 casos de acoso escolar durante o ano 2017, 35 deles na provincia de Pontevedra, 26 na Coruña e 10 en Lugo, mentres non constan na de Ourense.

Por idades, o maior número de afectados por acoso escolar na comunidade galega correspondeuse ese ano con mozos de 15 a 17 anos (36 casos de acoso escolar). A continuación situáronse os de 12 a 14 (33 casos) e houbo un dun neno entre 6 e 8 anos e outro dun de 9 a 11.

«O que si estamos a notar e é destacable -considera Díaz Escolante- é que este ano se abriron máis expedientes entre nenos de Primaria que de Secundaria. Por exemplo, aquí mesmo en Lugo, tivemos o caso dunha nena de primaria que acabou no xulgado e ao final era unha denuncia falsa».

¿E por que o acoso preséntase a idades máis temperás? Para o presidente de Anpe Galicia, cuxo maior obxectivo é «o acoso cero», esta situación deriva a unha «maior persimividad nas familias e de que os nenos en certas idades teñen unhas liberdades que non deberían ter. E todo o mundo ten que desempeñar o seu papel, nós como docentes e os pais, como pais. Un pai non pode ir de colega do seu fillo», asevera.

A Policía Nacional, a Garda Civil e diversos corpos de Policía Local rexistraron un total de 5.500 casos de acoso escolar entre 2012 e 2017, sendo este último ano, con 1.054, o que sumou unha cifra máis avultada de casos, maior que os cinco anos anteriores.

Os datos proceden dunha resposta escrita do Goberno ao deputado socialista Antonio Furtado e datada o 27 de setembro de 2018, na que se achegan as cifras recompiladas de todas as comunidades autónomas españolas, fóra de Cataluña e País Vasco.

A serie de 2012 a 2017 revela que o tramo de idade máis conflitivo é o de 12 a 14 anos, sendo o que acumula máis casos de acoso escolar, cun repunte en 2017 ata alcanzar os 561, máis da metade do total.

Con todo, o psicólogo Carlos Vila matiza que non é certo que haxa un repunte en casos de acoso. «Entender que ou acoso é un tema novo é erróneo, é algo tan vello como a propia educación», subliña. «Simplemente é un problema de convivencia. Outra cousa é a porcentaxe de acoso esperado».

Tamén considera que unha cousa son os datos sobre acoso que chegan aos xornais e outra ben distinta as situacións que realmente se producen. «Se nós colléramos un centro de 100 alumnos atopariamos entre un catro ou un cinco por cento deses alumnos que falarían de situacións de acoso, pero se lles preguntamos realmente sobre situacións que lles fan sentir incómodos, estariamos a falar de porcentaxes máis altas».

Carlos Vila explica que o acoso iníciase por múltiples factores, pero un denominador común en todas as situacións é porque simplemente é divertido: «É o de facer unha broma sobre un amigo. O problema é cando o amigo non está cómodo con iso. E sen embargo, os demais seguen a facelo porque é divertido».

O experto considera simplista pensar nun perfil de acosador ou vítima, pois «cada aula é un mundo, cada cole é un mundo e as causas son diferentes. Se que hai situacións que fan que unha persoa sexa máis vulnerable, pero os factores son moitísimos».

Vila sinala a empatía, o diálogo cos nenos como ferramentas craves para que estes non se atopen sos, nunha situación de abandono, incomprendidos.

Pola súa banda, Julio Díaz resalta que a primeira preocupación que deben ter os equipos directivos e a Administración é que «o problema que xera o acoso vaise retardando no tempo e o problema vaise acrecentando. Por iso a Administración ten que pór os medios para unha resolución inmediata».

Galicia rexistrou 71 casos de acoso escolar en 2017, dez na...
Comentarios