Galicia, chea de 'Manueles' e de 'Marías del Carmen'

Manuel e María del Carmen son os nomes máis frecuentes en Galicia, mentres que Rodríguez é o apelido máis común da comunidade segundo un informe publicado hoxe polo Instituto Nacional de Estadística (INE), baseado no Padrón Continuo a data de 1 de xaneiro de 2013.

No caso das mulleres, a María del Carmen, nome de 63.450 galegas, séguelle María con 46.154 e, curiosamente, Carmen sitúase en terceira posición con 36.304; polo que a súa combinación elevaría a 145.908 o número de mulleres con tal onomástica. Salvo na provincia de Ourense, onde María é o nome máis frecuente (5.963); A Coruña (28.839), Pontevedra (21.771) e Lugo (7.461) rexistran no primeiro posto da estatística María del Carmen.

En canto aos homes, Manuel encabeza a lista de nomes máis frecuentes nas catro provincias de Galicia cun total de 81.316 homes que reciben esta denominación, aos que lle seguen os 64.710 José rexistrados no padrón e que ocupan o segundo lugar tamén en toda a área xeográfica galega.

Por provincias, na Coruña están rexistrados 33.117 Manuel e 25.455 José; en Lugo, 11.196 e 10.358, respectivamente; en Ourense 10.440 e 9.301, e en Pontevedra 26.563 Manuel e 19.596 José. Chama a atención que habendo tantos José, só constan 18 Pepe na Coruña e 15 en Pontevedra, e ningún en Lugo e Ourense.

En canto aos apelidos máis frecuentes da nosa comunidade autónoma, son Rodríguez, situado en primeiro lugar con 113.951, Fernández en segundo lugar con 110.966, seguidos por González (85.205) e López (80.481).

A provincia de Pontevedra rexistra a Rodríguez (39.121) e González (35.915) como os seus apelidos máis comúns. Doutra banda, na Coruña son, García (37.329) e Rodríguez (35.078), en Ourense, Rodríguez (23.244) e Fernández (19.527), e en Lugo, López (25.662) e Fernández (20.671).

Comentarios