Galicia despide un verán seco e espera un outono con menos choivas

Galicia despide estes días un verán seco e cálido no que se rexistraron ata un 20 por cento máis de horas de sol do habitual e introdúcese nun outono que se prevé menos chuvioso.

O director da delegación galega da Axencia Estatal de Meteoroloxía, Francisco Infante, fixo balance do verán máis seco desde 2006, pero non ''excepcional'' en canto a temperaturas e precipitacións, se se exceptúa o episodio de intensas choivas rexistradas na primeira quincena de xuño na comarca lucense, onde se chegaron a recoller ata 150 litros diarios.

Pola contra, xullo e agosto foron dous meses cálidos, con temperaturas que superaron os corenta graos nas comarcas do interior, e significativamente secos, xa que se rexistraron menos da metade das precipitacións habituais para estes meses. En zonas da provincia de Ourense as choivas foron en agosto inferiores incluso ao 20 por cento do normal. ''Foi o agosto menos chuvioso dos últimos doce anos'', explicou Infante en rolda de prensa.

Máis sol do habitual
O máis destacado deste verán, subliñou Infante, foi o incremento de ata un 20 por cento nas horas de sol despexado rexistradas entre xullo e agosto, xa que en zonas como A Coruña se contabilizaron ata 60 días de sol, a maior cifra da década. Este incremento de horas de sol repercutiu nun lixeiro aumento das temperaturas, especialmente no mes de agosto, cando na franxa costeira galega os termómetros indicaron ata dous graos máis do habitual que en anos pasados.

No que vai de setembro, a situación mantense con precipitacións escasas e temperaturas superiores medias ás habituais, con máximas o pasado día 14 en zonas de interior que superaron os trinta e sete graos.

Un outono ''normal''
Esta tendencia cambiará o vindeiro xoves, día no que entra oficialmente o outono en Galicia, coa chegada dunha fronte que deixará choivas en toda a comunidade autónoma. ''Son os primeiros sinais do outono'', apuntou Infante.

A partir de entón, continuou, a atmosfera quedará máis inestable e comezará un outono para o que se espera que as temperaturas se sitúen en valores normais para esta época do ano, mentres que as precipitacións serán máis escasas do habitual. ''Será un outono basicamente normal'', afirmou Infante, quen advertiu da menor fiabilidade das predicións estacionais en Galicia debido ás particularidades atmosféricas destas latitudes.

Así mesmo, Infante apuntou que os temporais de choiva e vento volverán azoutar Galicia a partir de ''outubro ou novembro''. ''Terémolos, como todos os anos'', sentenciou.

Comentarios