"En Galicia camiñamos cara a un clima máis mediterráneo"

Vivimos unha onda de calor que vai pasar á historia de Galicia, pero os expertos, coma o meteorólogo pontevedrés David Domínguez,  Redmeteo y colaborador de Aemet, pensan que non é un feito illado. Teremos que acostumarnos a vivir situacións como esta na comunidade
CAMPO LAMEIRO_ Foto Entrevista David Dominguez_ blogger que ten aparellos de medicion do tempo na sua casa_ Quedades con el ao lado do concello a calquer hora despois do mediodia_ Chamadeo para quedar_ 623101847
photo_camera David Domínguez. BEATRIZ CISCAR

Podemos cualificar esta onda de calor como histórica en Galicia?

Sen dúbida. Vai pasar á historia e non só pola vaga de calor, senón tamén polas tormentas, que o xoves foron o colmo, algo máis propio de Valencia ou de Cataluña que de aquí.

Por que máis propias de alí? Obviamente alí todo é máis extremo que aquí. As temperaturas no Mediterráneo son máis elevadas e iso favorece que se dean as condicións idóneas para este tipo de tormenta. En Galicia as previsións apuntaban a que habería treboadas, pero non a ese nivel. O que veu foi unha animalada!

Para que a xente o entenda, como se forman estas tormentas?

Hai un elemento principal que é ter moita calor como estes días, e logo que en altura haxa aire frío, que é algo que proporciona a Dana. Aínda que esta vez a Dana estaba bastante afastada da Península, estaba o suficientemente preto para que houbese ese aire frío en altura e se producise o contraste co aire quente das capas baixas pola onda de calor. A natureza obvia os desaxustes e tende sempre a compensar, e nese escenario de contraste entre frío e calor as nubes teñen todo o espazo que queren para medrar cara arriba. E canta máis altura collen, máis frío hai arriba e máis risco temos de saraiba.

Xa que fala da Dana, que é exactamente?

Dana é a abreviatura de ‘depresión aislada en niveles altos de la atmósfera’. É unha perturbación que queda illada da corrente en chorro que circula de oeste a leste, parada nun sitio. Sempre que se coloca onde está agora, entre as Azores e a Península, o que fai é bombear aire cálido do sur cara a Galicia. A xente cada vez terá que afacerse máis a termos como Dana.

Cal é entón a causa principal desta onda de calor en Galicia?

O que pasa dun tempo a esta parte é que é máis frecuente do habitual que esas pequenas borrascas estacionarias queden ancladas nesa zona entre as Azores e a Península. Son perturbacións que se moven en sentido contrario ás agullas do reloxio e cando ocorre iso configúrase nos niveis medios e altos da atmosfera unha circulación de ventos do sur. Se a borrasca está no lugar ideal, empurra cara a Galicia aire máis cálido procedente de África, con calima, con noites tropicais...

E antes non se producía este fenómeno? Porque veráns quentes sempre os houbo.

Eu teño lembranza de que estas perturbacións as houbo sempre, o que ocorre é que antes chegaban do Atlántico, pasaban e marchaban cara a Francia. Deixaban calor e logo algunhas treboadas. Pero cando se illan desa circulación xeral oeste-leste e quedan ancladas a cousa cambia. E ademais complican moitísimo o prognóstico, porque un pequeno movemento imprevisto desa perturbación cara o leste ou cara o oeste pode cambialo todo.

Hai unha explicación científica xa para saber porque este patrón atmosférico é cada vez máis frecuente?

Para saber iso, como ocorre sempre cos estudios da meteoroloxía, teñen que pasar bastantes anos. Eu lin estudos que din que a causa podería ser que o anticiclón das Azores se está expandindo. Ao facelo, en lugar de deixar pasar as borrascas, como sempre, só deixa pasar algún resto delas. Cando o anticiclón das Azores bascula cara a Europa, outra cousa ocupa o seu lugar alí, neste caso unha pequena baixa de aire frío en altura que é o que está provocando o tempo destes días.

Parece incrible que sexa unha masa de aire frío a que, curiosamente, nos manda tanto calor.

Si. Ademais isto é unha invasión de aire africano de manual, porque o xoves, malia que tronaba e chovía, a temperatura non baixaba, non refrescaba como adoita pasar cando descargan as treboadas.

Parece que camiñamos cara a un tempo de máis extremos.

Totalmente de acordo. En Galicia camiñamos cara a un clima máis mediterráneo. É así, porque por exemplo chove a mesma cantidade que antes, pero de forma moi distinta. Antes repartíase en moitos días de orballo e choivas febles, pero agora temos menos días deses e máis de auga concentrada, co que tamén quedan máis días de sol.

As fronteiras entre as catro estacións tradicionais do ano parecen difuminarse.

Si. E este ano é un claro exemplo. Ao mellor despois nos vén un outono típico, pero a realidade está aí e a tendencia xeral é que os veráns se van dilatando cada vez máis no tempo.

O bo é que agora xa refresca algo.

Si, pero volveremos ter calor a curto prazo. Non tan extremo como estes días, pero por riba dos 30 graos outra vez.

Comentarios