Facebook 'come' Instagram, un prato de 1.000 millóns de dólares

A rede social Facebook anunciou hoxe a compra da aplicación fotográfica para dispositivos móbiles Instagram nunha operación valorada en 1.000 millóns de dólares -a pesar de que recentemente a aplicación fora valorada na metade- que se fará efectiva antes de finais de xuño, segundo publicou na súa páxina web a compañía californiana.

A adquisición foi considerada un "fito" polo conselleiro delegado de Facebook, Mark Zuckerberg, cuxa empresa realizará o pago mediante unha combinación de diñeiro en efectivo e accións da rede social, que se espera que debute en bolsa nos próximos meses. "É a primeira vez que adquirimos un produto e unha compañía con tantos usuarios. Non planeamos facer moitas máis (operacións) destas, se é que facemos algunha máis, pero prover da mellor experiencia para compartir fotografías é unha das razóns polas que a tanta xente gústalle Facebook", dixo Zukerberg nun comunicado.

30 MILLÓNS DE DESCARGAS
Instagram é unha das aplicacións de edición e publicación de fotos máis populares dos dispositivos de Apple con máis de 30 millóns de descargas e atópase dispoñible para os usuarios de Android desde este mes. Nas primeiras 12 horas en Android rexistráronse máis de 1 millón de descargas de Instagram que en 2011 foi nomeada a mellor aplicación para iPhone por Apple, un ano logo de debutar.

Zuckerberg asegurou que o equipo responsable de Instagram integrarase na estrutura de Facebook e seguirá sendo unha aplicación independente. "Para conseguir iso temos que ser moi conscientes da necesidade de manter e construír as fortalezas e características de Instagram en lugar de simplemente integralo todo en Facebook", explicou Zuckerberg.

Facebook ten previsto permitir que desde Instagram os usuarios poidan continuar compartindo as súas fotos en redes sociais distintas así como que se poidan seguir a persoas diferentes na aplicación ás que son amigos en Facebook.

Na páxina web de Instagram o seu conselleiro delegado, Kevin Systrom, confirmou tamén a operación e afirmou que a ferramenta fotográfica será "a mesma" tras a súa integración en Facebook.

Comentarios