Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

Un estudo advirte dos riscos das dietas baixas en carbohidratos

O pan é un dos alimentos ricos en carbohidratos. EP
O pan é un dos alimentos ricos en carbohidratos. EP

A longo prazo existe risco de morte por enfermidades cardiovasculares, cerebrovasculares e cancro

As dietas baixas en carbohidratos seguidas en réximes para perder peso non son seguras e supoñen riscos para a saúde, polo que deben evitarse, segundo un novo estudo presentado este martes en Múnic.

Os riscos están relacionados cunha maior incidencia de morte prematura, enfermidades coronarias, infartos fulminantes e cancro, indicou un dos autores do estudo, o profesor Maciej Banach, da Universidade Médica de Lodz, en Polonia.

"Atopamos que a xente que consumiu unha dieta baixa en carbohidratos presentaron un maior risco de morte prematura. Tamén aumentou o risco en causas individuais de morte, incluídas enfermidades coronarias, infartos fulminantes e cancro", dixo Banach.

"Estas dietas teñen que evitarse", engadiu o experto polaco en relación cos resultados do estudo, no que se tomaron datos de 24.825 persoas entre os anos 1999 e 2010 dentro da Enquisa Nacional de nbsp;Saúde& e Exame Nutricional dos Estados Unidos.

Os autores do estudo, dado a coñecer durante a reunión da Sociedade Europea de Cardioloxía, que se reúne na capital bávara, recorda que as dietas baixas en carbohidratos recomendáronse para baixar de peso.

Esa recomendación segue á constatación de que a obesidade está relacionada con varias enfermidades crónicas, como as cardiovasculares, a hipertensión, a diabetes tipo 2 e o cancro.

Comparados cos participantes na enquisa que consumiran as dietas con máis carbohidratos os que seguiron os plans con menos carbohidratos presentaron un 32% de maior risco en todos os casos de morte durante un período de seguimento de 6,4 anos.

Os riscos de morte por enfermidades coronarias, cerebrovasculares e cancro aumentaron nun 51 %, un 50 % e un 35 %, respectivamente.

Banach indicou que as dietas baixas en carbohidratos "poden ser útiles para perder peso a curto prazo, baixar a presión arterial e mellorar o control da glicosa en sangue, pero o noso estudo suxire que a longo prazo están relacionadas cun aumento do risco de morte por calquera causa e das mortes por enfermidades cardiovasculares, cerebrovasculares e cancro".

Respecto das razóns que vinculan as dietas baixas en carbohidratos co maior risco de falecemento Banach recordou que xa se coñece a relación entre a proteína animal, especialmente a carne vermella e procesada, e un aumento do risco de cancro.

"O consumo reducido de fibra e froita e un aumento da de proteína animal, colesterol e graxa saturada nesas dietas pode desempeñar un papel. Tamén pode haber unha influencia nas diferenzas en minerais, vitaminas e fitoquímicos", agregou.

Un estudo advirte dos riscos das dietas baixas en carbohidratos
Comentarios