Estar solteiro sae máis caro

Un estudo de Acierto.com apunta a que os 'singles' gastan máis en lecer ou en vivenda e a que incluso pagan máis pola póliza do coche, fundamentalmente porque teñen vehículos máis antigos

Un conductor. PIXABAY
photo_camera Un condutor. PIXABAY

"Estar solteiro sae caro". É a conclusión que extraeu Acierto.com dun estudo realizado con motivo de San Valentín e o Día do Solteiro, a partir do que calcula que os singles acaban o ano cun patrimonio persoal de 7.500 euros menos que os casados na mesma situación económica. ¿Cales son os motivos?

Acierto.com destaca, para empezar, que os solteiros non poden beneficiarse de determinadas vantaxes fiscais —como a tributación conxunta do IRPF ou bonificacións no imposto de sucesións nalgunhas comunidades— e pagan máis por determinados servizos, porque "a oferta non está pensada para ser un". 

É o caso dos paquetes vacacionais, as habitacións de hotel —porque  unha individual "vale practicamente o mesmo que unha dobre"—, o aluguer da vivenda ou ata a comida do supermercado. E é que, segundo a firma, "moitos envases obrigan ao consumidor a comprar de máis". 

A porcentaxe de solteiros que conducen coches de máis de 15 anos supera amplamente á de casados

O estudo atopou diferenzas ata nos seguros de coche. Atendendo ás cifras que manexa o comparador, os solteiros pagan un 34% máis pola súa póliza. "Isto non ten que ver tanto co nivel de sinistralidade como coa antigüidade dos seus vehículos", constata, porque revela que os solteiros dan menos partes ao seguro pero son propietarios de coches máis antigos. En concreto, teñen vehículos de máis de 15 anos "nun 20,4% máis de casos que os casados".

"Tendo en conta que a idade media dos vehículos que se ven inmersos nun accidente supera os doce anos, non é de estrañar que o seguro lles saiga máis caro", subliña Acierto.com, segundo Europa Press.

Sumado todo, o resultado é a diferenza estimada no patrimonio e que, ademais, os singles "viven máis tensos, non só pola súa capacidade adquisitiva, senón porque deben asumir en solitario as súas responsabilidades familiares". 

Acierto.com sinala, de feito, que nove de cada dez solteiros teñen tensións, e que iso incide directamente sobre a súa esperanza de vida, "inferior á das persoas casadas". "Tamén inflúen os seus hábitos: dormen menos —aínda que mellor— e beben e fuman máis", apunta. A cambio practican máis deporte e mantéñense en mellor forma física.

Comentarios