María Mera: "Escribo en galego nas redes, e sempre hai alguén que protesta"

Actriz e presentadora, só transmite cousas positivas. Como os adxectivos que máis repiten para definila quen a coñecen: xenerosa, cariñosa e alegre.  
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera A actriz María Mera. AEP

Cando era nena, que fantaseaba que ía ser cando medrara?
Curiosamente non quería ser nada en concreto… Quería ser todo! Todo me chamaba a atención, desde profesora a astronauta, panadeira… Quizais por iso acabei sendo actriz.

Pero estudou Xornalismo.
Primeiro estudei Turismo, logo Arte Dramática e logo Xornalismo. A interpretación foi de casualidade, comezando a facer teatro no colexio gustoume e apunteime na escola para ver que me aportaba e foi aí cando descubrín que me apaixonaba, aínda que nunca pensei que viviría diso a nivel profesional.

Empezou forte, na exitosa serie ‘Matalobos’. No seu caso, foi máis difícil chegar ou estao sendo manterse?
As dúas cousas son moi difíciles, pero de escoller unha… esa primeira oportunidade, porque se non che dan a posibilidade de mostrar xa non tes como avanzar.

A súa defensa do galego, cando foi vítima da cámara oculta do programa ‘Xente marabillosa’, converteuse en viral. Tivo que repetir esta defensa na vida real?
Si, nas redes sociais! Porque sempre escribo en galego e hai xente que protesta… Por sorte son minoría. Tamén hai xente que quere aprender galego desde moitas partes do mundo grazas á serie ‘O sabor das margaridas’, así que quedemos con iso.

Cales son os adxectivos que mellor a definen? 
Non me gusta poñerme adxectivos… Vou escribir os que máis me repiten, que son xenerosa, cariñosa e alegre.

O mellor para empezar o día son os bicos e as apertas das miñas fillas

Que tres persoeiros galegos vivos citaría como referentes? 
Dúas escritoras, María Solar e Yolanda Castaño, e o deseñador Roberto Verino.

Fóra de Galicia, hai algún lugar no que se sinta como na casa?
Claramente non… Como na casa en ningún sitio!

Cal é o seu plan perfecto para desconectar? 
Non teño dúbidas: estar ao lado do mar.

Festival, foliada ou verbena?
Despois de presentar o verán pasado A liga dos cantantes extraordinarios non se pode negar que me encanta a verbena! Pero tamén son pandereteira, así que vou escoller esas dúas opcións.

Que lle gusta tomar cando sae cos amigos?
Auga, sempre auga. Non bebo alcol.

Na mesa, pérdea un bo…
Un prato de marisco, ja, ja, ja!

Cando lle toca cociñar, cal é a súa especialidade? 
O polo ao curry.

Se puidera viaxar no tempo un único día, onde e cando aparecería? 
Téñoo clarísimo, aparecería no ano 2022, para estar un día máis co meu pai.

Que serie logrou enganchala máis? 
Xa choveu diso, pero foi a serie ‘Perdidos’.

Tocoulle vivir algunha situación incómoda por ser muller?
Por desgraza, moitas!!!

É nai de dúas nenas pequenas. A conciliación segue sendo unha utopía?
Eu tiven a sorte de poder levar as nenas ás rodaxes e iso permitiume manter a lactancia materna. Sentinme afortunada por iso, pero tiña que ser así para todas. Sen dúbida, a conciliación non existe.

Que defectos alleos soporta peor?
A soberbia e a envexa.

Hai algunha pregunta que non lle fixen e lle gustaría responder?
En que pensa cando se deita?

Comentarios