É un ovni? É un helicóptero? É Gómez Besteiro?

Tiña finalmente razón J.J. Benítez e a ría de Ribadeo esconde unha base de ovnis? É pouco probable. O pasado 16 de setembro colgouse na web Youtube un vídeo non moi bo dun obxecto sobrevoando a Ponte dos Santos que nuns segundos se marcha cara á beira galega. Este sábado, El Progreso recibiu unha chamada dun condutor que desde a A-8 afirmaba ver un obxecto avanzar e deterse no ceo tamén sobre a ría de Ribadeo.

Hai dúas explicacións bastante probables e ata complementarias. Unha é que tanto o 15 de setembro como este sábado sobrevoou o ceo ribadense o helicóptero do programa Km0 Xtreme da Deputación. Os movementos do vídeo e os descritos polo autor da chamada coinciden cos dunha nave dese tipo. Talvez Gómez Besteito provoque sen querer un caso que recolla no seu programa Iker Jiménez.

Pero no tema do vídeo, hai quen o ten máis claro. Manuel Vázquez, da web Elfarero.com, que crea vídeos como afeccionado e dispón dun amplo equipo estudou o vídeo e asegura que "é un fake moi mal feito", é dicir, unha montaxe. Explica que "primeiro, o cámara enfoca directamente a esa zona. Ninguén enfoca ao ceo se non sabes que alí haberá algo. Ademais, non se oe nada de nada e, home, eu se vexo un ovni, creo que algunha expresión se me escaparía, e nin sequera lle di algo a un obreiro que ten á beira. O obxecto móvese de forma unidimensional, e hai unha chea de programas e páxinas en internet deseñadas xusto para facer iso". 

Comentarios