En Galicia houbo 92 enlaces entre persoas do mesmo sexo en 2009

Dos 10.658 matrimonios celebrados en Galicia en 2009, un total de 92 foron rexistrados por persoas do mesmo sexo, 54 entre homes e 38 entre mulleres, segundo os datos facilitados por Colega Galicia.

O colectivo de lesbianas, gais, bisexuais e transexuais de Galicia recolleu a información do INE e publicouna dentro dos actos do día internacional dos dereitos destes cidadáns, baixo a lema 'Orgullo e Prexuízo' e en conmemoración do aniversario da aprobación do matrimonio homosexual en España.

Os 92 enlaces de 2009 supoñen un significativo incremento sobre o ano anterior, en que as unións de homosexuais en matrimonio foron 74.

A Coruña, onde máis

Por provincias, A Coruña liderou os enlaces cun total de 46, seguida de Pontevedra con 29. Máis distantes atópanse Ourense e Lugo, con nove e oito respectivamente, e sendo as únicas en que o número de matrimonios entre mulleres é maior co de homes.

O presidente do colectivo, Rafael Moral, sinalou que "estes datos, que non se corresponden co peso poboacional real do sector homosexual galego, representan un reto para as nosas aspiracións de normalización no día a día".

Para Moral, "é difícil asumir que, dos 10.658 matrimonios celebrados en Galicia durante 2009, só 92 sexan entre persoas do mesmo xénero".

Finalmente, Colega Galicia anunciou que remitirá este informe á Consellería de Presidencia "para expor a necesidade de novas actuacións de impulso da sensibilidade en torno ao sector poboacional de lesbianas, gais, bisexuais e transexuais galegos", así como aos grupos parlamentarios.

Comentarios