Martiño Nercellas: "Non o situaría máis alá da anécdota porque o seu número é moi reducido"

O 'porcoril', un híbrido que ameaza o ecosistema dos montes galegos

Este cruzamento entre xabaril e porcos vietnamitas liberados pon en perigo a raza autóctona do primeiro, que podería dexenerar
Un 'porcoril'
photo_camera Un 'porcoril'

O porcoril, un cruzamento entre o xabaril e o porco vietnamita, irrompeu nos montes galegos e, a pesar do seu reducido tamaño e o seu aspecto aparentemente inofensivo, representa unha gran ameaza para o ecosistema. E é que este pequeno mamífero consegue introducirse por moitos dos peches polos que non o fai o xabaril e, do mesmo xeito que este, devora todo o que atopa ao seu paso. Pero o problema non só está nas desfeitas que causa nos cultivos, senón en que pon en perigo, precisamente, ao seu irmán maior, co que se cruza dando lugar a máis porcorís ou cerdolíns, como son denominados de xeito oficioso estes híbridos.

Os primeiros exemplares detectáronse hai un par de anos e o seu número aínda é anecdótico. Unha mostra é que os que se cazan cada ano na comunidade non superan o centenar -o 1% das capturas de xabaril, que ascenden a 15.000-, pero a cifra é suficiente para que se acenderan
todas as alarmas.

Provintes de porcos vietnamitas liberados polos seus donos no monte, a maioría de porcorís foron localizados na zona rural de Pontevedra, pero tense constancia da súa presenza nas catro provincias. Desde a Federación Galega de Caza advirten de que o tempo e os ciclos reprodutivos xogan en contra e é necesario erradicalos "antes de que colonicen os montes galegos". Argumentan que non teñen ningún valor cinexético nin culinario e que a súa única función é dexenerar a especie do xabaril.

MULTAS POR CAZALO. Pode pensarse que a solución é tan sinxela como organizar batidas para capturalos, pero aquí os cazadores atópanse cun gran escollo legal. O porcoril non está considerado unha especie cinexética debido á súa herdanza doméstica polo que abater un pode carrexar multas de ata 6.000 euros. Unha norma que, segundo os monteiros, debería ser modificada porque carrexa, ademais, outro gran problema: desde certa distancia non é posible diferenciar unha especie doutra e son moitos os que abateron porcorís pensando que eran porcos bravos.

De feito, todos os capturados foron por erro, pois ningún cazador gastaría chumbo nunha especie con nulo valor. Aínda así, ata o momento non se impuxeron multas ou polo menos non lle constan á Federación Galega de Caza, que reclama abrir a veda á captura do porcoril, analizar as zonas con maior poboación e eliminalos.

Comentarios