O narcotraficante 'Pelopincho', en paradoiro descoñecido

O narcotraficante José Antonio Pouso, alias 'Pelopincho', considerado o cerebro dunha rede dedicada ao branqueo de capitais radicada en Galicia, atópase en paradoiro descoñecido, segundo fontes xudiciais. A Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra, que chegou a un acordo de conformidade con varios dos 35 imputados na denominada 'Operación Corvo mariño' contra o branqueo de capitais, advertiu de que Pouso, que se atopaba en liberdade provisional, deuse á fuga.

Este home, de 51 anos de idade e natural de Ribeira (A Coruña), seguiu os pasos doutros narcos galegos antes da celebración dun xuízo que aínda non está sinalado. Tras a súa detención, a Garda Civil interveulle 40 pisos, baixos comerciais, 36 leiras urbanas e rústicas e unha mansión que se estaba construíndo na localidade coruñesa de Brión, preto de Santiago.

Pouso empregaba supostamente a varios homes de palla como unha cidadá brasileira coa que mantiña unha relación sentimental, así como varios familiares. A Fiscalía solicitaba para 'Pelopincho' unha pena de seis anos de prisión, a máxima estipulada ao tratarse de branqueo de capitais.

Non é a primeira vez que este home, que vivía en Valga (Pontevedra), emprende a fuxida, xa que nunha anterior ocasión aproveitou un permiso penal cando cumpría condena tras ser detido no marco da 'Operación Santino'.

O Fiscal Antidroga de Pontevedra, Luís Uriarte, e o de Delitos Económicos, Augusto Santaló, tratan de chegar a un acordo de conformidade, o que xa lograron con varios avogados dos 35 procesados, para poder incautarse de todos os bens da rede, aínda que isto supoña unha redución das penas solicitadas.

Comentarios