'El Jueves' censura unha portada sobre a abdicación do Rei

Todos os lectores de El Jueves esperaban a posta á venda da revista con entusiasmo esta semana. A abdicación do Rei era un tema co suficiente peso como para que a publicación satirizase sobre o momento que atravesa a Coroa, as horas baixas da institución agora que chega Felipe VI e as vicisitudes que rodearon durante os últimos tempos a Familia Real, ben en forma de imputacións no caso Nóos ou ben en forma de desafortunadas cazarías por Botsuana.

Pero a revista que sae os mércores fixo esta semana honra ao seu nome e chegou aos quioscos hoxe, aínda que por motivos pouco agradables para os seus seguidores, como levan manifestando durante todo o día nas redes sociais. A editorial RBA censurou a portada realizada por Manel Fontdevila na que Juan Carlos I depositaba unha coroa chea de roña sobre a cabeza do Príncipe de Asturias. En lugar desta, a imaxe céntrase na irrupción de Podemos no Parlamento Europeo cunha caricatura do seu líder, Pablo Iglesias.

A publicación xa promocionara a súa portada sobre a Monarquía e a editorial viuse obrigada a retirar 60.000 exemplares, segundo fontes internas. Tanto El Jueves como RBA aseguraron que non se trata de censura (nin por parte da Casa Real nin propia) senón que non había tempo material posible para cambiar unha portada que xa estaba deseñada e aprobada. A destrución de varios miles de números, con todo, fai supor o contrario.

As consecuencias non se fixeron esperar. Dous dos debuxantes da revista, Manel Fontdevila (autor da portada censurada) e Albert Monteys, abandonaron a publicación, do mesmo xeito que o colaborador Isaac Rosa, que asegurou que non volverá escribir para a mesma. Son as primeiras reaccións a un feito que non deixa de ser rechamante aínda que xa se produciron situacións semellantes en anteriores ocasións. Unha imaxe do Príncipe de Asturias e a súa esposa, Letizia Ortiz, facendo o amor xa fora retirada dos kioskos por orde do xuíz da Audiencia Nacional Juan do Olmo, que ordenou o seu secuestro.

Comentarios