O falso 23-F orquestrado por Évole bate marcas de audiencia en La Sexta

Operación Palace, un falso documental emitido onte á noite por La Sexta que mostrou o golpe do 23-F como unha montaxe destinada a fortalecer a democracia, foi seguido por 5.229.000 espectadores (23,9 % de cota de pantalla), converténdose na emisión non deportiva máis vista da historia de La Sexta.

Partindo do suposto acceso a documentos desclasificados, o espazo, dirixido e presentado por Jordi Évole, co equipo de Salvados, fiou unha reportaxe sobre os sucesos do 23 de febreiro de 1981 segundo o cal o golpe de estado foi unha montaxe concibida polo Rei e a clase política coa idea de fortalecer a democracia e evitar outros intentos de subvertir a orde constitucional.

Xunto a imaxes de arquivo, no programa participaron cos seus testemuños ficticios os xornalistas Iñaki Gabilondo, Fernando Ónega e Luis María Ansón, políticos como Joaquín Leguina e Jorge Verstrynge, e personalidades como o ex secretario xeral da Unesco Federico Mayor Zaragoza.

Tamén interveu o cineasta José Luis Garci, encargado de rexistrar todos os detalles desta falsa asonada, pola cal o discurso do Rei na noite de 23-F gravouse seis días antes.

Segundo o programa, só o tenente coronel da Garda Civil Antonio Tejero cría que o golpe era real. O resto de protagonistas, do Rei ás testemuñas presenciais no Congreso, así como a prensa, participaron na montaxe.

Operación Palace, a emisión máis vista de todas as cadeas o fin de semana, alcanzou o minuto de ouro ás 22:21 horas, con 6.220.000 espectadores (27,5 % de cota de pantalla), xusto no momento en que se debatía entre os políticos o feito de que Santiago Carrillo se negase a tirarse ao chan se había disparos no Congreso, informou a Efe La Sexta.

"Gustaríanos ter contado a verdadeira historia, pero non foi posible", foi o rótulo co que concluíu a reportaxe, e despois Évole e os entrevistados explicaron detalles do falso documental e algunhas das tomas falsas do mesmo.

O director de Salvados pediu desculpas "a todos os espectadores que se sentiron enganados" por un espazo que cualificou de ''experimento", inspirado en Operación Luna, o cal explicaba que as imaxes da chegada do home á Lúa foi en realidade unha película encargada por Richard Nixon e dirixida por Stanley Kubrick.

Esta mesma mañá, Jordi Évole e Iñaki Gabilondo -unha das voces informativas de referencia no noso país e das que o documental se valeu para gañar credibilidade- expicaban na Cadena Ser os pormenores da montaxe. Así mesmo, reiteraban as súas ''desculpas'' e lamentaban ''se alguén se sentiu ofendido'' co que non deixa de ser ''unha broma'' e ''un exercicio televisivo''.

Este primeiro exemplo de falso documental televisivo en España contou con éxito de audiencia tamén nas redes sociais, en especial en Twitter, onde xerou máis de 267.000 comentarios (1.500 por minuto), segundo os datos de Tuitele, e hoxe permanece entre os temas máis comentados, xunto co nome de Jordi Évole.

O debate posterior do espazo, no que participaron Iñaki Gabilondo, o exministro de defensa Eduardo Serra e a presidenta da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco, Garbiñe Biurrum, contou cunha media de 3.991.000 espectadores e o 18,8 % de cota de pantalla.

Fronte ao programa non deportivo máis seguido da historia de La Sexta, cadea que iniciou as súas emisións o 25 de novembro de 2005, en Catro estreouse Chester, o programa de entrevistas conducido por Risto Mejide, o cal logrou reunir unha media de 2.072.000 espectadores (9,5 % de cota de pantalla).

Comentarios