O emprego no sector servizos caeu o 1,2 % en xullo en Galicia

O persoal ocupado no sector servizos caeu en xullo en Galicia o 1,2 % respecto ao mesmo mes de 2010, porcentaxe que se sitúa no -0,7 % de media no que vai de ano, segundo a estatística de Indicadores de Actividade do Sector Servizos publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estadística.

Por comunidades autónomas, os maiores descensos no emprego do sector servizos producíronse en Murcia (3,6 %), Andalucía (1,6 %) e Castela-A Mancha (1,5 %) e os principais aumentos en Baleares (2,1 %), Navarra (1,7 %) e País Vasco (1,3 %). A nivel nacional, o persoal ocupado neste ámbito diminuíu un 0,4 % respecto ao mesmo mes de 2010, co que suma tres meses consecutivos de descensos.
 
O emprego no comercio diminuíu o 0,7 %, e dentro deste sector, destacou a caída en venda e reparación de vehículos e motocicletas (3,3 %) e en comercio polo miúdo (0,5 %). A ocupación noutros servizos descendeu o 0,2 %, debido principalmente á baixada en transporte e almacenamento (0,7 %).
 
No índice xeral, só dous sectores tiveron unha repercusión positiva, a hostalería (0,4 %) e as actividades administrativas e servizos auxiliares (0,1 %). Así mesmo, a cifra de negocios do sector servizos diminuíu o 0,5 % en xullo en Galicia, un 0,2 % de media en España, mentres que ao longo do ano esta porcentaxe é positivo na Comunidade galega, cun incremento do 1,4 % de media.
 
No índice xeral nacional houbo dous sectores que rexistraron unha repercusión negativa: O do comercio por xunto e intermediarios do comercio caeu o 1,5 %, mentres que o do comercio polo miúdo descendeu o 2,1 %.
 

Comentarios