25 enfermos de epilepsia son operados cada ano para controlar as crises

Uns 25 pacientes con epilepsia son operados cada ano na unidade de Neurociruxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) con resultados esperanzadores, pois na maior parte dos casos as crises redúcense ata nun 80%, chegando incluso a eliminarse.

Así o explicou o doutor Alfredo García Allut no marco do XIX Congreso da Sociedade Galega de Neurociruxía (SOGANE).

O xefe da unidade de Neurociruxía do CHUS expuxo que cada ano diagnostican máis dun centenar de novos casos de epilepsia, unha patoloxía que afecta a máis de 20.000 persoas na comunidade. Destes novos casos clínicos, uns 30 non responden favorablemente ao tratamento farmacolóxico, polo que ''a ciruxía supón un punto de esperanza para eles e para as súas familias''. A operación máis habitual consiste na extracción das áreas do cerebro nas que se detectan as descargas neuronais.

Herdanza xenética
Trátase dunha enfermidade que, nos supostos máis graves, maniféstase en forma de crise, polo que o suxeito pode sufrir convulsións en brazos e pernas, morderse a lingua e presentar incontinencia urinaria. Outros enfermos presentan falta de resposta a estímulos, quedando bloqueados e coa mirada fixa nun punto. Tras as demencias e o ictus, é o problema máis frecuente co que se enfrontan os servizos do hospital. A maioría dos casos débense a factores xenéticos, aínda que, a partir dos 30 anos, o doutor Allut sinala a presenza de tumores como detonantes desta patoloxía.

Co fin de mellorar o diagnóstico, a unidade do CHUS, integrada por neurociruxáns, neurólogos e neuropsicólogos clínicos, ''estreará nuns meses unha resonancia de tres teslas, a única en Galicia, que facilitará moitísimo a selección de pacientes'' susceptibles de ser intervidos. Segundo expuxo Allut, trátase de individuos que sofren unha media de ata 30 crises diarias, o que lles crea unha dependencia constante ao necesitar un coidador que pare os golpes que poidan sufrir nestes episodios.

200 pacientes operados
Desde a súa creación en 1998, uns 200 pacientes foron operados polos profesionais do centro compostelán, que traballa para conseguir a declaración de centro de referencia nacional nesta disciplina por parte do Ministerio de Sanidade. Como aval da experiencia deste centro, Allut destaca o traballo desenvolvido polo neurociruxán Ángel Prieto, un profesional formado en Canadá nas máis avanzadas técnicas operatorias.

Contrariamente ao que sucede noutras áreas, o doutor estima que ''non hai déficit'' de neurociruxáns en Galicia, pese ao aumento da prevalencia das demencias auspiciado polo envellecemento poboacional. Neste sentido, Allut recalca que ''formar un especialista leva cinco anos e non nos podemos permitir formar máis dos que se necesitan''.

O xerente do CHUS, Jesús Caramés, presidiu a inauguración do congreso da SOGANE, en cuxo marco destacou a calidade da docencia e a investigación da unidade compostelá.

Comentarios