O CHUAC recoñece un fracaso no diagnóstico temperán da sida

O xefe do servizo de Medecina Interna do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), José Domingo Pedreira, advertiu de que, aínda que a evolución da sida en Galicia mantense estabilizada, case a metade dos disgnósticos prodúcense de forma tardía, cando as defensas do enfermo están xa moi debilitadas. ''Algo falla no diagnóstico cando nos é difícil conseguir que se fagan a proba, hai un fracaso no control da epidemia'', recoñeceu.

En rolda de prensa, acompañado pola enfermeira Josefina Valiñas, fixo fincapé en que o problema do ''diagnóstico tardío'' é común aos casos de sida e ás novas infeccións por VIH, aqueles pacientes que non desenvolveron a enfermidade. Doutra banda, alertou de que, aínda que a nivel mundial a sida ''está estancándose'', cunha diminución do 10% no número de falecidos e unha redución das novas infeccións do 27%, non ocorre o mesmo no ámbito europeo.

''Na Europa occidental están a aumentar case ata duplicarse os casos, e a nós vainos pasar o mesmo'', subliñou, tras pór de relevo que deixou de ser un mal vinculado á adicción ás drogas para converterse nunha enfermidade de transmisión sexual. No caso da Coruña, o 72% das transmisións foron por esta vía en 2009. Neste sentido, Valiño explicou que houbo un fallo nas campañas de prevención do VIH, que deixaron ''un pouco de lado'' os riscos das relacións sexuais, fronte ao ''éxito marabilloso'' alcanzado coas iniciativas de intercambio de xiringas ou narcosalas. Por iso, pediu que se facilite o acceso aos preservativos en lugares de copas ou cuartos escuros.

Respecto ao fracaso no diagnóstico, precisou que moitos non se fan a proba porque non sospeitan que poden estar infectados, porque quedou moi arraigado que os grupos de risco son homosexuais e drogadictos, así que as parellas non teñen a percepción do risco de infección'', afirmou.

Test rápidos e influencia da inmigración
Para solucionar o gran problema do diagnóstico, estudan a implantación de test rápidos de acceso universal, para facilitar o acceso ás probas e a rapidez nos resultados, porque a alternativa -apuntou Pedreira-, é emular a Estados Unidos e realizar o test de sida a toda a poboación entre 14 e 65 anos de forma periódica.

Nos últimos 25 anos, rexistráronse 1.065 casos de sida na Coruña. O primeiro detectado en Galicia foi precisamente na cidade herculina en 1984 e desde entón contabilizouse unha media de 42 casos cada ano, aínda que a estas alturas de 2009, a falta dun mes para finalizar o exercicio, hai 29 rexistrados no hospital coruñés, que é o que maior número de casos de sida ten ''con diferenza'', seguido do centro de Vigo.

''Do 25 ao 30 por cento dos novos casos de sida ocorren neste hospital'', aclarou Pedreira, que destacou un aumento no número de casos entre a poboación inmigrante. Así, en 2009 son o 27,5% dos casos, ''moi por encima da media galega'', segundo matizou o experto en Medicina Interna.

En concreto, ofreceu datos dos novos casos de infección por VIH, aqueles que non desenvolveron a enfermidade, que no que levamos de ano son xa 48 na Coruña. ''As novas infeccións é o que está a suceder agora, o sida o que ocorreu hai anos'', aclarou. Destes 48, o 79,17% son homes, o 22% poboación inmigrante e o 40% foron diagnosticados de forma tardía. Ademais, 23 persoas foron contaxiadas por relación heterosexual, 22 homosexual e só 3 por consumo de drogas, o que confirma o repunte da infección por vía sexual.

Comentarios