O BNG denuncia discriminación lingüística nun auto xudicial que afecta a unha familia de Vigo

O portavoz do Grupo Parlamentario en materia de Lingua, Bieito Lobeira, denunciou que un xulgado madrileño nega o regreso a Vigo a unha nai galega coas súas dúas fillas por considerar que ''o ensino é en galego e esta lingua non é útil''. Lobeira e o irmán da nai e portavoz da familia afectada, Manuel López Rodríguez, aseguran que o xulgado ameaza á proxenitora coa retirada da custodia das súas fillas por trasladarse de Alcorcón á cidade olívica.

O auto do xulgado de Alcorcón fala, en concreto, do perigo de ''desarraigamento que se estende ao seu ámbito escolar, pois as menores estiveron escolarizadas desde hai moitos anos no Colegio Amanecer, de Alcorcón, para agora verse escolarizadas en Centros Públicos, en Vigo, con inmersión  nun sistema escolar en lingua galega, unha lingua distinta á que foron escolarizadas ata agora, que máis aló do ámbito daquela Comunidade Autónoma, non se aprecia teña ningunha outra utilidade práctica''.

Manuel López Rodríguez móstrase moi crítico con este auto e asegura que se nos está sometendo a un calvario, cunha evidente inxustiza por querer vivir en Galicia''. O portavoz da familia afirma ademais que ''as nenas están perfectamente integradas en Vigo e son felices''. Con respecto ao idioma subliña que ''para nada teñen ningún problema. A maior pode acollerse á exención de galego na selectividade e a pequena sacou unha nota de 8,5 en galego, gústalle e incluso empeza a falalo''. Pide así mesmo ás forzas políticas galegas e á Xunta que apoien a súa causa.

''Racismo lingüístico e xenofobia''

O deputado nacionalista, pola súa banda, cre que ''desde o punto de vista democrático e humano non se pode admitir que un xuíz negue a unha nai separada que veña a vivir a Galicia polo feito ter lingua propia''. Lobeira sentencia que ''é un caso de racismo lingüístico, de xenofobia, coma se fose un delito ter unha lingua propia en Galicia''.

A preocupación do BNG vai máis aló e Lobeira advirte de que ''argumentos como o deste xulgado poden sentar xurisprudencia no futuro e calquera pai ou nai separado de Galicia, Catalunya ou Euskadi que viva nunha Comunidade castelanfalante e queira volver á súa terra perderá a custodia dos seus fillos''.

Ante esta situación, e no caso concreto da nai de Vigo, o deputado nacionalista presentou unha proposición non de lei no Parlamento Galego pola que se insta á Xunta de Galicia a ''adoptar as medidas precisas, ao amparo da legalidade vixente, e no ámbito das súas competencias, concretamente a través das Consellarías de Traballo e Benestar, e Educación e Ordenación Universitaria, para evitar un caso flagrante de discriminación por razón de lingua, de pertenza e residencia en Galicia, que está a padecer unha familia de Vigo''.

Comentarios