O embalsamador de Dalí ao ver os restos mortais: "Sentín unha emoción histórica"

O bigote de Salvador Dalí conservaba a súa "clásica postura das 10 e 10"

A Fundación Dalí considera improcedente a exhumación do cadáver do artista e resérvase o dereito a exercer novas accións legais
La comitiva judicial encargada de exhumar los restos de Salvador Dalí.EFE
photo_camera La comitiva judicial encargada de exhumar los restos de Salvador Dalí

O bigote do pintor catalán Salvador Dalí, exhumado este xoves por unha demanda de paternidade, conservaba a súa "clásica postura das 10 e 10", segundo revelou este venres o secretario da Fundación Gala-Salvador Dalí, Lluís Peñuelas, en rolda de prensa para dar detalles sobre a operación. O equipo de forenses que participou nos traballos de exhumación do artista extraeron un pouco de pelo, uñas, dentes e dous ósos longos que, unha vez levadas a cabo as probas xenéticas, serán repostos nun acto privado para preservar a "integridade" do corpo do defunto. 

A fundación considerou "do todo improcedente" a exhumación dos restos mortais do xenio ampurdanés, e subliñou que a resolución xudicial non está motivada nin ten ningún tipo de fundamento. Os resultados do test de paternidade espéranse para os primeiros días de setembro cando o xuíz informará e antes da celebración do xuízo por esta causa previsto para o 18 de setembro, afirmou o xerente da fundación, Juan Manuel Sevillano. 

Peñuelas iniciou a súa intervención alegando que "a resolución xudicial non está motivada e non ten ningún fundamento", posto que non existe ningún indicio da presunta paternidade de Dalí máis aló da acta notarial da declaración dunha señora amiga da nai de Pilar Abel que lle dixo que era filla de Dalí. 

Os representantes da fundación insistiron en que aceptaron a exhumación, tras esgotar todos os mecanismos legais, mediante recursos e peticións que tiña na súa man para evitar a acción, ordenada polo Xulgado de Instrución 11 de Madrid. A plana maior da fundación coincidiu en destacar que se produciu unha "situación moi incómoda", que os apena profundamente, así como a moitas persoas que aman á figura de Dalí. 

Desde as 20 horas ata as 0.40 tiveron lugar os traballos exhumación, que transcorreron "sen ningún incidente remarcable", e que se fixeron preservando na medida do posible a intimidade dos restos mortais do artista, o patrimonio protexido e as visitas ao Teatre-Museu Dalí.

"ACTO DE VIOLENCIA". Igualmente, "toda exhumación non deixa de ser un acto de violencia coa persoa defunta", observou Peñuelas, que explicou que a colocación de dúas carpas xigantes sobre a tumba e sobre a área dos forenses permitiu que houbese a mínima xente posible na zona. "Salvador Dalí volve descansar en paz baixo a cúpula", apuntou o secretario da fundación, que, a pesar da súa total desconformidade coa operación, respectou as resolucións xudiciais e colaborou para que se levase a cabo.

CUSTOS DA OPERACIÓN. O avogado da fundación, Albert Segura, explicou que a fundación se reserva os dereitos para reclamar os custos de toda a operación, e dixo que, en caso de confirmarse a paternidade de Dalí sobre Pilar Abel, está podería reclamar o 25% da herdanza no momento do deceso. 

O xerente da fundación asegurou que non se fixeron cálculos nin estimacións do que lle podería corresponder a Abel, aínda que dixo que a demanda se dirixe contra o Estado, lexítimo herdeiro do legado de Dalí, e non da fundación, administradora de bens. 

Durante o proceso, estiveron presentes unha comitiva xudicial representada polo letrado do Xulgado 8 de Figueres a demanda do xulgado madrileño que leva a causa, tres forenses, un axudante de forense e tres persoas da funeraria. Tamén representantes da fundación, do Concello, a Generalitat, unha avogada do Estado titular da demarcación de Xirona, o avogado de Abel, o embalsamador Narcís Bardalet e os Mossos d'Esquadra.

Comentarios