Detida por suplantar a unha compañeira en cinco exames

Unha estudante universitaria de 26 anos foi detida pola Policía Nacional en Málaga por suplantar a identidade dunha compañeira de estudos para facer cinco exames dunha materia coa fin de coñecer de antemán as preguntas para poder sacar boa nota nos seus propios exercicios.

A investigación iniciouse en decembro do pasado ano na localidade de Fuengirola, por mor da denuncia presentada por unha alumna da Universidade de Málaga que non podía realizar os exames aos que tiña acceso vía Internet, mediante un nome de usuario unha clave e un número de expediente que só ela coñecía.

Os axentes solicitaron colaboración á Universidade para localizar ao autor dos feitos e determinaron que se fixeron dúas conexións desde dous provedores diferentes, un deles o da denunciante e o outro desde unha operadora distinta, segundo informou hoxe a Comisaría Provincial de Málaga nun comunicado.

As pescudas levaron aos investigadores ata un domicilio de Estepona e finalmente ata a exparella do titular da vivenda, unha moza coa que convivía no domicilio cando se produciron os feitos.

Esta muller fora compañeira de piso da denunciante nunha época anterior e durante ese tempo chegara a coñecer as claves de acceso da vítima, que logo usou para realizar cinco exames de forma fraudulenta.

Por iso, foi detida como suposta autora dos delitos de danos, usurpación de estado civil e descubrimento e revelación de segredos.

A Policía cre que a moza pretendía obter mellor nota nesa materia e para iso quería coñecer con anterioridade as preguntas dos exames.

Esta operación permitiu así mesmo unha mellora dos sistemas de seguridade de acceso ao portal web para os alumnos da Universidade malagueña.

Comentarios