Desde o Mosteiro de Carboeiro ao Pazo de Ribadulla

Vivimos nunha terra chea de arquitectura, arte e natureza, e frecuentemente a dispersión, unha característica propia de Galicia fai que a coñezamos pouco.

Para esta fin de semana recomendamos unha ruta pola zona do Deza.

Empezamos polo Mosteiro de Carboeiro, en Silleda. Na época do Reino de Galicia, os primeiros mosteiros fundáronse ao principio da Idade Media, xa en época sueva (séculos V e VIN) e partir do século XI, formaban xa unha rede de poder autónoma.

Artisticamente, Carboeiro presenta claras influencias da Catedral de Santiago. É de estilo tardorrománico, tal como se pode apreciar nas súas bóvedas de crucería e nalgúns dos seus arcos con resonancias xa góticas. A decoración da portada principal, probablemente levada a cabo por discípulos do Mestre Mateo, presenta aos músicos da Apocalipse, na mesma disposición do Pórtico da Gloria. O interior ofrece a posibilidade de visitar as criptas, a parte alta do mosteiro e o edificio adxacente de residencia dos monxes.

A recuperación da construción, en contorna, composta polas ribeiras do Deza, o pombal do mosteiro e a ponte do Demo fan do sitio un lugar cun halo máxico que, sen dúbida, vale a pena visitar.

Desde o mosteiro é posible levar a cabo unha ruta de sendeirismo duns 6 quilómetros ata a fervenza do río Toxa, aínda que para os máis preguiceiros tamén é posible achegarse en coche debido á boa sinalización de ambas opcións.

Esta é a fervenza máis alta de Galicia, 25 metros en vertical nos que o Toxa desprega toda a súa maxestosidade acuática. Emprazada nunha contorna de carballos e castaños, esculpe a roca e fai desta unha paisaxe impresionante.

Da natureza e a arquitectura relixiosa, pasamos á arquitectura civil. O Pazo de Oca, tamén coñecido como o Versalles Galego, pola densidade dos seus xardíns, está situado na Estrada. O armazón vexetal e arquitectónico confírenlle ao lugar unha fluidez visual incomparable. As fontes, os paseos entre os mirtos, a cerámica das ánforas e os pequenos cenáculos crean un ambiente tranquilo, recollido e acougado.

Para rematar, e a só trece quilómetros de Santiago, atópase o Pazo de Ribadulla, un caserón en forma de L que sufriu diversas modificacións ao longo dos anos. A impoñente fachada barroca e a fonte están blasonadas co escudo da familia Mondragón. Os seus xardíns contan cunha exhuberante vexetación, e o que máis chama a atención deles é un encantador paseo de oliveiras.

.

Comentarios