domingo. 15.09.2019 |
El tiempo
domingo. 15.09.2019
El tiempo

Descobren que un fármaco que ía ser retirado frea o cancro de vexiga

O doutor Joaquin Bellmunt, director de investigadores do Instituto Hospital del Mar. ALEJANDRO GARCÍA (EFE)
O doutor Joaquin Bellmunt, director de investigadores do Instituto Hospital del Mar. ALEJANDRO GARCÍA (EFE)
Investigadores dun centro barcelonés comprobaron que o medicamento, que agora apenas se usa, evita o crecemento tumoral en pacientes que non responden aos tratamentos habituais

Investigadores do Instituto Hospital del Mar Investigaciones Médicas (Imim) descubriron que un fármaco que se ía retirar do mercado porque apenas se utilizaba frea o crecemento tumoral e evita a progresión do cancro de vexiga metastásico en pacientes que non responden aos tratamentos habituais.

O estudo, que contou coa participación de doutores do centro sanitario barcelonés, demostrou a eficacia do fármaco TAK-228, que actúa como inhibidor dunha proteína clave no desenvolvemento e a progresión dos tumores, a mTORC1/2.

En declaracións a Efe, o autor principal do estudo e director do Imim, o doutor Joaquim Bellmunt, asegurou que os bos resultados obtidos coa utilización deste fármaco foron "unha gran sorpresa", xa que a farmacéutica xaponesa que o elabora, Takeda, ía deixar de comercializalo. A raíz da resposta positiva dos pacientes, a farmacéutica "traballará agora para sacar adiante o fármaco" para axudar a futuros enfermos de cancro.

Deseñouse un ensaio clínico que aínda está en curso

Os investigadores deseñaron un ensaio clínico, que aínda está en curso, no que se avaliou o medicamento en sete pacientes diferentes, do cales catro mostraron resposta positiva ao fármaco. Os doutores destacan a obtención de resultados positivos nun grupo de enfermos que non respondían a ningún tratamento habitual, incluída a inmunoterapia.

"O fármaco que estudamos pódese converter nunha segunda diana terapéutica potencial en pacientes con cancro de vexiga, porque non é quimioterapia, nin radioterapia, nin inmunoterapia, pero pode atacar alteracións xenéticas específicas que se atopan nos tumores", engadiu Bellmunt. Os investigadores tamén detectaron que o TAK-228 é máis efectivo nun subgrupo de tumores cunha mutación xenética característica, que está presente no 10% dos casos.

Os resultados beneficiosos deste fármaco xa foran probados previamente en pacientes con cancro de pulmón de tipo escamoso.

O cancro de vexiga é o quinto máis frecuente do mundo, está moi relacionado co tabaquismo, que provoca entre o 70 e o 75% dos casos, e afecta a máis homes que a mulleres.

Descobren que un fármaco que ía ser retirado frea o cancro de vexiga
Comentarios