Denuncian a Lidia Falcón por vincular a homosexualidade e a pedofilia

O Observatorio Contra a Homofobia de Cataluña inclúe na súa denuncia outras declaracións nas que catalogaba a unha nena trans de ser un neno "disfrazado" e afirmaba que "a súa nai tería que estar no cárcere"
Lidia Falcón. AEP
photo_camera Lidia Falcón. AEP

O Observatorio Contra a Homofobia de Cataluña (OCH) interpuxo unha denuncia ante a Fiscalía Provincial de Barcelona contra a histórica dirixente feminista Lidia Falcón por delitos de odio por vincular, presuntamente, a homosexualidade coa pedofilia e a pederastia. O OCH considera que as declaracións de Falcón poderían vulnerar dereitos fundamentais, sobre todo, polo carácter político da conta de Twitter "Partido Feminista de España CAT".

Esta conta publicou en decembro de 2020, como parte dun fío, o comentario: "A homosexualidade e a pedofilia están relacionadas desde Platón, como se sabe".

A Federación Plataforma Trans, así como a Dirección de Igualdade da Generalitat, xa denunciaran con anterioridade a Lidia Falcón por estes comentarios a través das redes sociais. Ante estes precedentes, o OCH non se sumou a estas denuncias, senón que interpuxo unha nova que, ademais, inclúe unhas declaracións de Falcón no programa El gato al agua, onde catalogaba unha nena trans de ser un neno "disfrazado" e afirmaba que "a súa nai tería que estar no cárcere".

Neste mesmo programa, segundo os denunciantes, Falcón tamén declaraba: "O movemento homosexual, hai moitos anos, está a facer campaña pola pedofilia e a pederastia, e iso sabémolo todos".

Cristian Carrer, coordinador técnico do OCH, xustificou a denuncia porque considera que "as declaracións de Falcón poden ter repercusión en todo o Estado e xerar violencia contra aqueles colectivos máis débiles, tamén en Cataluña".

O OCH pide ás autoridades que se lles dote dun marco legal e efectivo con recursos suficientes par facer fronte ao discurso de odio, xa que en 2020 rexistráronse 189 incidencias, un 25% máis que en 2019 e a cifra máis alta dos últimos cinco anos. 

Comentarios