30 de marzo, Día Mundial do Trastorno Bipolar

Cristina Prieto: "Só pido que nos xulguen menos e nos escoiten máis"

O trastorno bipolar que lle diagnosticaron a esta fotógrafa e activista hai 25 anos obrigouna a empezar de cero tras cada caída. E leva moitas.
Cristina Prieto. CHRIS FOTÓGRAFA
photo_camera Cristina Prieto. CHRIS FOTÓGRAFA

Cristina leva de baixa dende setembro. Metida na casa, batallando para atoparse mellor e superar os síntomas da etapa depresiva que arrastra. Cada día libra a súa propia guerra contra a gana de chorar que ás veces a desborda, contra a falta de concentración ou o estrés que se desata por, simplemente, saír facer un recado. E, sobre todo, contra o esgotamento extremo que lle supón vivir.

Cristina Prieto, fotógrafa do Arquivo Histórico Provincial, aparcou a súa vida uns meses. Porque dende setembro, todas as súas forzas van encamiñadas a tratar de saír do buraco no que está, o punto máis baixo da curva que marca o trastorno bipolar que lle diagnosticaron hai 25 anos. Faino poñendo todo o seu empeño, pero tamén co alento que recibe dos seus. "Cando notei que as cousas empezaban a ir mal, pedín axuda e atopeina. A miña parella, familiares e amigos animáronme a internarme na Unidade de Agudos de Psiquiatría do Hula e estiven alí oito días: coidada, protexida e illada, que era o que eu necesitaba", lembra.

Cando a xente non pode máis pensa no suicidio. Non para morrer, senón para deixar de sufrir

Nese ingreso, Cristina sentiuse moi arroupada polo equipo que a atendeu, algo que agradece fondamente: "Paréceme incrible ter esa oportunidade no sistema público de saúde. Así que a mensaxe que quero dar é que é importante pedir axuda, porque a hai. Que fai falta máis? Por suposto, pero a que hai, haina, e temos que aproveitala".

Este foi totalmente distinto ao seu primeiro ingreso, hai 25 anos, cando escoitou por primeira vez o seu diagnóstico estando en pleno cadro maníaco. Aí subiu ata o punto máis alto da curva: "Foi como se tomase éxtase todo ou día. Non durmes, non aprecias perigo en nada, tes a libido polas nubes, ves máis detalles que os demais cando miras, pensas catro veces máis rápido que ninguén...". Pero despois da ascensión chega a caída, e aquí cando se baixa chégase ata o mesmo inferno, aínda que hai pacientes que deixan unha e outra vez a medicación para sentir de novo ese arrebato. Cristina non é desas. Ela é das que cumpre con todo o que lle din os médicos: "A miña calidade de vida vai en tomar o tratamento ben tomado. E cando un non funciona próbase outro , que para iso está a ciencia".

Neste tipo de trastornos psiquiátricos hai un compoñente xenético latente, pero son as circunstancias ambientais as que os desencadean. No seu caso, empezou a atoparse mal aos 14 anos, cando un problema na casa lle provocou os primeiros estados depresivos e de ansiedade, que entón interpretaron erroneamente como unha depresión. Ata que aos 25 anos un detonante forte espertou o cadro maníaco. Foi o único que sufriu, porque non houbo máis como tal, aínda que si varios episodios hipomaníacos, menos graves e con menos consecuencias.

Necesitamos máis axuda para levar unha vida normalizada, non que nos dopen nin nos exclúan da sociedade

Nestes 25 anos, a súa gran loita sempre foi a de controlar a enfermidade para levar unha vida normal. Unha carreira de fondo na que avanzou soa, ás apalpadas, solicitando aquí e alá a información que non tiña e obrigada a demostralo todo. "Somos persoas rotas por dentro, pero que como non levamos muletas non nolo notan por fóra. Temos que tirar e calar a boca, cando o que necesitamos é máis axuda para levar unha vida normalizada, non que nos dopen nin que nos exclúan da sociedade, porque ben diagnosticados e ben tratados podemos ter unha vida como a de calquera".

O activismo de Cristina –leva anos denunciando e combatendo a violencia de xénero e o machismo– fíxoa enfocarse en axudar a outras persoas co seu mesmo diagnóstico. Sen ningún apoio institucional, organizou charlas por toda a provincia que ela mesma difundía e para as que buscaba o local. Entre o seu auditorio atopouse con xente tan perdida como o estaba ela cando lle puxeron nome a súa enfermidade: "Houbo quen estivo en varias, quen quedaba comigo despois para contarme as súas coitas... Eu sabía, e comprobeino, que te fai sentir mellor oír a quen sofre o teu mesmo problema dicirche que podes levar unha vida normal e digna, que podemos traballar e relacionarnos, que non somos bichos raros".

As charlas deixárona cun sabor agridoce. Sabe que axudaron a outras persoas, si; pero tamén lle demostraron que en todo este tempo se avanzou pouco e que seguen faltando información e empatía. O seu sentir resúmeo nunha frase: "Só pido que nos xulguen menos e nos escoiten máis. Hai o estereotipo do enfermo mental como alguén perigoso e iso non é certo. Ao contrario, os máis vulnerables somos nós". Esa vulnerabilidade cuantifícaa nun só dato, o da esperanza de vida: un diagnóstico de trastorno bipolar implica unha estimación de vida dez anos inferior á media.

En detalle
Que é?
► O trastorno bipolar é unha enfermidade mental crónica que afecta aos mecanismos que regulan o estado de ánimo. Un dos seus grandes problemas é que se tarda entre cinco e dez anos en detectala, porque a miúdo se confunde cunha depresión.
► Esta patoloxía ten unha base biolóxica, pero os factores traumáticos e ambientais poden actuar como desencadeantes e influír na súa evolución.
► Estímase que en España máis de un millón de persoas teñen algún tipo de trastorno bipolar. 
Como se manifesta?
► A enfermidade preséntase en forma de episodios ou fases: están as fases depresivas, nas que a persoa se sente triste ou desesperanzada, e as fases maníacas, con hiperactividade e euforia. Cando esta manifestación é máis leve fálase de hipomanía.
► Con tratamento, a súa evolución é, en xeral, boa. Sen el haberá constantes recaídas e graves consecuencias familiares e laborais.

Comentarios