Deseño Responsive. Máis visitas nas tabletas e nos teléfonos móbiles

Crecen un 21% en marzo os usuarios das dixitais do Grupo El Progreso

O número de visitas a El Progreso.es, Diario de Pontevedra.es e Galiciaé.com tamén se incrementou nun 22 por cento no pasado mes da man do novo sistema editorial

Coincidindo coa posta en marcha do novo deseño, a plataforma dixital do Grupo El Progreso experimentou un incremento do 21% no número de usuarios e do 22 por cento no total de visitas, segundo os datos de Google Analytics correspondentes ao pasado mes de marzo.

El Progreso.es, Diario de Pontevedra.es e Galiciae.com, os tres principais ‘sites’ do grupo, reafirman deste xeito a súa traxectoria ascendente dos últimos anos, nos que pasaron dos 270.000 usuarios únicos rexistrados en 2012 aos case 485.000 que hai na actualidade.

Da man do novo sistema editorial, desenvolvido pola multinacional Atos, responsable dalgunhas das webs máis visitadas de España, esta tendencia alcista viuse reforzada cunha maior permanencia das visitas e unha maior asiduidade dos cibernautas á hora de consultar as edicións dixitais dos medios do Grupo El Progreso.

Un completo servizo de vídeo, galerías de imaxes, chemineas de diferentes cores e carruseis temáticos, xunto co incremento dos contidos de opinión, contribuíron en gran medida a que a experiencia do lector mellorase nunha plataforma dixital pensada para unha lectura máis áxil, clara e completa dos principais temas de actualidade.

Concibido como un medio complementario aínda que claramente diferenciado das edicións en papel, as dixitais de Diario de Pontevedra, Galiciaé e El Progreso tamén se benefician do respaldo que supón ter detrás a un grupo centenario de comunicación, con distintas redaccións e delegacións nas provincias lucense e pontevedresa, así como en Santiago de Compostela, sede da Axencia Galega de Noticias, desde onde se centraliza a información do resto do territorio da comunidade autónoma.

Comentarios